No ano 2010 cumpríronse 100 anos da aparición de Barriga Verde, que tería ocorrido coa chegada do titiriteiro José Silvent a Galicia, procedente de Portugal. A pesar da importancia deste heore como representante último do teatro tradicional de títeres do noso país, aínda presente na memoria de moitas persoas, a efeméride non mereceu ningunha celebración a nivel institucional.

 Dous anos despois, os camiños dunha serie de persoas que, de forma illada, traballaban desde había anos pola recuperación deste boneco de teatro, conflúen co fin de sumar esforzos e conseguir maior visibilidade para este elemento da nosa cultura popular.

Nace así, a principios de 2013, a Asociación Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional.

No nacemento da asociación participaron que levaban xa moito tempo traballando co obxectivo de recuperar a figura de Barriga Verde e os títeres tradicionais en xeral:

  • Comba Campoi é xornalista e investigadora, promotora cultural e produtora executiva en Tintimán Audiovisual, unha sociedade dedicada á produción de documentais, entre outras actividades de promoción cultural. No ano 2012 a produtora presentou a longametraxe documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta”, ao redor da figura de Barriga Verde e da tradición europea de títeres de luva. Na súa tese doutoral “O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalaternas. O caso do espectáculo de Barriga Verde na Galiza de Posguerra (1936-1960)” investigou o papel das barracas de feira como forma de comunicación popular durante o franquismo.
  • Anxo García, Xulio Balado, Rocío Fernández e Pilar Álvarez son membros da compañía Viravolta Títeres, fundada en 1982. Ademais da produción de espectáculos de marionetas, os membros da compañía organizan un festival de títeres en Lalín, o Titirideza, e xestionan o Museo Galego do Títere, na mesma localidade. O interese pola figura de Barriga Verde e pola tradición galega de títeres é unha constante na traxectoria desta compañía, que a partir de conversacións coa familia de Silvent e de testemuños de intelectuais da época reconstruíu o espectáculo, incluído no seu repertorio desde hai máis dunha década. En 2010, a raíz da produción do documental de Tintimán audiovisual, realizan unha réplica da barraca Melodías de España, a última de José Silvent, á que bautizaron como Pavillón da Risa. Culto e moral e con elaxa percorreron as principais cidades galegas, así como as emblemáticas festas de San Froilán e de San Lucas. 
  •  Xaime Iglesias é profesor de Lingua e Literatura Galegas, Mestre e Licenciado en Xeografía e Historia. Foi presidente fundador da Asociación Cultural Cedofeita de Lérez (Pontevedra) da que segue sendo membro. O seu interese polos estudos locais levouno a pescudar a vida dun  insigne lerezán, José Silvent. Tras varios anos de investigación, Iglesias pode ser considerado o maior experto na figura do pai de Barriga Verde. Logo de varios artigos sobre o tema, en 2013 publicou, no marco do  Proxecto, o libro José Sivent Martínez, o mítico Barriga Verde, que recolle o groso das súas indagacións.
  •  Germám Ermida é xornalista e antropólogo. Para alén do seu traballo no xornalismo cultural desde 2000, desenvolve unha intensa tarefa no campo asociativo en diferentes entidades desde hai case 20 anos. Foi promotor da asociación BD Banda para a promoción do cómic galego, dentro da cal organizou distintas exposicións ou actividades de difusión. Tamén participou na coordinación da presenza galega no Saló do Còmic de Barcelona durante varios anos e as actividades de BD no Salón del Libro Infantil de Pontevedra (2009). O seu interese pola figura de Barriga Verde xorde no ano 2001, cando deseña un proxecto de exposición didáctica para a recuperación da figura, que naquel momento non se puido levar a cabo, e que agora toma forma no seo do Proxecto Barriga Verde.

A eles sumáronse con posterioridade outras persoas profesionais de distintos sectores como son

  • Borja Insua: Escultor e titiriteiro, é o responsable de Títeres Alakrán. Entre as súas múltiples montaxes, ten en repertorio Barriga Verde ataca de novo, unha actualización da obra clásica que desenvolve en solitario e na que recupera a difícil técnica da “palleta” para impostar a voz do personaxe principal. Ten participado en múltiples festivais, en España, Cuba, México ou Italia, ademais de posuír tamén experiencia internacional en impartir talleres de construción e manexo de títeres.
  • José Antonio Cascudo é licenciado en Historia da Arte e Comunicación Audiovisual, Máster en Sociedade da Información e do Coñecemento, Técnico Superior en Fotografía Artística. Na actualidade está a rematar a tese A mística da feminidade en Mad Men no Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC. Director do documental O instante eterno (2014) e da curtametraxe experimental Alfa i Omega (2014). Organizou diferentes seminarios e ciclos de cinema, entre eles os dedicados a Alexandr Sokurov (2008) e Chris Marker (2014), ambos no CGAC, así como cursos sobre ficción televisiva como TV or not Tv: itinerarios da ficción televisiva. En 2007 publicou o libro de poesía Manual do misántropo, e participou na antoloxía A cidade na poesía galega do século XXI (2012).Ademais, a asociación conta cunha nutrida rede de persoas e entidades colaboradoras que desde diversos ámbitos queren contribuír á recuperación de Barriga Verde para o imaxinario colectivo galego. Asimesmo está en contacto con diferentes especialistas no mundo dos títeres tradicionais de España e de Europa que amosaron o seu interese en estreitar lazos co títere tradicional galego.

Na actualidade, o colectivo integra a unha trintena de persoas de diferentes ámbitos, en particular profesionais do sector titiriteiro, pero tamén docentes de diferentes niveis, investigadoras, xente do mundo do deseño e das letras, persoas interesadas no noso patrimonio e, en xeral, xente que defende a cultura do país e non queren que desapareza  a memoria do noso títere tradicional.

Na nosa listaxe de grupos de traballo podes ver máis polo miúdo como nos organizamos.