Unha das contribucións máis sinxelas e fundamentais que podes facer ao Proxecto Barriga Verde é recoller e enviarnos testemuñas sobre este personaxe e sobre os títeres tradicionais en xeral.

Aínda que as investigacións dos últimos anos permitiron completar moitos datos sobre o personaxe, continúan a ser moitas as incógnitas sobre as rutas, a obra e os protagonistas da aventura de levar os títeres para todo o país.

Aínda fican moi vivas na memoria de moita xente lembranzas sobre as obras, as cancións e os personaxes que durante moitos anos entreteron a galegos e galegas por todo o país.

Preguntarlle aos maiores ou contarnos a túa propia lembranza é algo fundamental para completarmos o panorama e enriquecer a nosa visión deste fenónemo do teatro popular.

Quedan abertas cuestións de grande importancia como:

  • Cal era o aspecto de Barriga Verde?
  • Como era o argumento da obra?
  • As frases para rematar o espectáculo variaban entre “Morreu o demo”/”Morreu Barriga Verde”/”Morreu o touro”. Dependía do lugar? dos titiriteiros? da ocasión?
  • Cales eran as rutas dos feirantes? Ata onde chegou Barriga Verde?
  • Cantas compañías empregaban o nome de Barriga Verde para os seus espectáculos? Eran todas familia?
  • Había outros títeres na época?
  • Que outras actuacións acompañaban os títeres nas barracas?

Só coa participación de toda a sociedade galega podemos reconstruír a memoria do que foi todo un fenómeno social na súa época, e traballar para que non se perda este legado.
Xa sexa en vídeo, en gravacións sonoras ou con testemuñas escritas, non dubides en nos enviar a túa achega!

Aquí podes atopar unha guía para axudarche a recoller información sobre os títeres tradicionais.

BARRIGA VERDE NECESÍTATE, CONTACTA CON NÓS!!