O Proxecto Barriga Verde é a principal iniciativa da AC Morreu o Demo, co que pretende recuperar a figura de Barriga Verde en Galicia.
Por recuperar entendemos tanto recobrar a súa memoria e garantir a transmisión interexeracional da historia do personaxe como popularizalo e achegalo aos máis novos.
É dicir: queremos facer de Barriga Verde un personaxe máis da nosa cultura.
Dentro deste marco xeral, os obxectivos do proxecto pasan por:
- Recuperar a Barriga Verde como títere de luva para Galiza.
Facilitar as representacións do espectáculo, a súa difusión e o coñecemento da historia do personaxe e da tradición. - Recuperar a memoria do personaxe a través do diálogo entre persoas novas e maiores.
O proxecto quere recuperar a historia dos titiriteiros tradicionais galegos, documentando as súas rutas, os seus espectáculos e o seu xeito de vida. Ademais, pretende favorecer a comunicación interxeracional e a implicación social na reconstrución desta parte da historia da nosa cultura.
- Favorecer o estudo sobre Barriga Verde e os títeres tradicionais
Fica aínda moito por saber sobre o personaxe, o espectáculo e os titiriteiros en Galiza, así como sobre as conexións internacionais. Hai moitos testemuños que conseguir, organizar e publicar co fin de contarmos cunha documentación sólida destes elementos do noso patrimonio. - Aproveitar o personaxe para desenvolver actividades de dinamización local, sobre todo nos contextos máis vinculados á súa figura.
Barriga Verde conta cunha xeografía vencellada a feiras, aldeas e rutas. Pensamos que o personaxe pode ser o eixe sobre o que vehicular esforzos de dinamización social nestas zonas. - Reivindicar a importancia dos títeres de Galicia, tanto os tradicionais como os contemporáneos, e poñelos en contacto, favorecendo o intercambio estético e de públicos.
Aínda hoxe, os títeres adoitan considerarse espectáculos para cativos ou unha arte de segunda categoría. Mentres outros países con legados semellantes ao noso contan con museos e centros de estudos e outórganlles recoñecemento a estas tradicións, en Galiza fica aínda moito que andar até acadar a estima destas formas de dramaturxia en pé de igualdade con outras manifestacións da cultura. - Reclamar as feiras populares como espazos de lecer e de intercambio cultural.
- Situar a Barriga Verde, tanto a nivel galego como internacional, como parte da rica tradición europea de títeres de luva.
As ligazóns internacionais do personaxe fan que a nosa cultura estea a compartir un legado internacional. Galiza non pode ficar fóra das propostas de recuperación e de reivindicación patrimonial que se fan a nivel europeo. Barriga Verde ten que se dar a coñecer como un membro máis da extensa familia da que fan parte Guignol, Pulcinella ou Punch, entre moitos outros. - Promover a creación de novos produtos culturais que actualicen e manteñan viva esta figura da nosa cultura popular.
Os tempos mudan, e mesmo convencidos como estamos da vixencia do teatro de títeres como expresión cultural, tamén somos conscientes da necesidade de integrar novas formas de creación para garantir a continuidade do personaxe. Audiovisual, ilustración, web, banda deseñada, música e todo tipo de soportes son necesarios para contribuír a que Barriga Verde se constitúa como un personaxe máis da nosa cultura.