Boa parte das persoas que fan parte da AC Morreu o Demo desenvolven a súa actividade organizados en grupos de traballo temáticos. Artes escénicas, memoria audiovisual, edición e comunicación, pensamento e educacación… son algunhas das áreas nas que abordamoss. Velaqui están dispoñibles a composición dos nosos grupos de traballo e a súa traxectoria desde o nacemento do colectivo.
GRUPO DE MEMORIA E PATRIMONIO TITIRITEIRO
O obxectivo deste grupo é afondar no coñecemento sobre as compañías, técnicas, personaxes e públicos do títere tradicional en Galicia. Deste xeito, desenvolve investigacións e proxectos de recuperación de memoria e de reivindicación deste patrimonio.
Para isto desenvolve as seguintes actividades:
- Realización de entrevistas a persoas históricas do ámbito dos títeres ou a persoas de idade que lembran estes espectáculos.
- Pescudas hemerográficas e bibliográficas sobre este patrimonio.
- Elaboración de informes para promover o recoñecemento deste patrimonio por parte das autoridades competentes.
- Asesoramento a persoas dedicadas á investigación, institucións ou colectivos con interese por estas cuestións.
- Divulgación, por diferentes métodos e soportes, deste coñecemento, asesorando a asociación no aspecto histórico e patrimonial nos seus proxectos.
GRUPO DE PENSAMENTO E TEORÍA DO TÍTERE
O obxectivo deste grupo e facilitar o coñecemento e a valoración desta forma de arte escénica e fornecer a sociedade de ferramentas para a comprensión e desenvolvemento da mesma. Para isto desenvolve accións nos diversos campos:
- Elaboración de artigos, ensaios e contidos en calquera soporte sobre o seu obxecto de traballo.
- Elaboración das xustificacións teóricas en todos os informes, memorias e solicitudes da asociación.
- Elaboración do marco teórico de cara a conseguir a declaración de Barriga Verde como Ben de Interese Cultural e outros recoñecementos específicos
- Representación da AC Morreu o Demo en foros de investigación, medios de comunicación e outros espazos en todo o que se refira ao títere tradicional.
- Organización de encontros e foros de debate sobre o títere tradicional
- Asesoramento sobre cuestións vencelladas ao títere tradicional para institucións, colectivos ou compañías teatrais.
- Elaboración dos contidos didácticos da asociación, en particular o proxecto Da Barraca á aula.
- Seguimento dos estudos sobre o títere en Galicia e no exterior, mantemento de contactos con profesionais desta arte, a procurar a difusión do legado do títere tradicional.
- Coordinación da participación da AC Morreu o Demo no estudo Titeredata sobre o estado do Sector do Teatro Visual, de Títeres e de Obxectos no estado español.
- Deseño da estratexia da asociación, coordinación das solicitudes de axudas públicas e participación en programas.
GRUPO DE ARTES ESCÉNICAS
O obxectivo deste grupo é facilitar a recuperación de formas de teatro de títeres tradicionais no panorama galego dos monicreques así como a súa integración en calquera outra forma de proxecto escénico e artístico.
- Para isto desenvolve accións nos seguintes campos:
- Produción, desde a propia asociación, de espectáculos que recuperan formas de teatro e de títeres populares e tradicionais.
- Elaboración do programa do festival Titiriberia e doutras propostas de artes escénicas da asociación.
- Seguimento da situación escénica e titiriteira do país e mantemento de contactos con profesionais desta arte, a procurar a difusión do legado do títere tradicional.
- Asesoramento sobre títeres tradicionais e o legado galego de Barriga Verde para todo tipo de proxectos escénicos alleos á asociación, con vistas a procurar unha axeitada integración e representación deste patrimonio escénico.
- Representación da AC Morreu o Demo en foros escénicos e de investigación, medios de comunicación e outros espazos en todo o que se refira ao títere tradicional.
GRUPO DE AUDIOVISUAIS
O obxectivo desde grupo é desenvolver os produtos audiovisuais da asociación, en particular á hora de facilitar de accesibilidade e a divulgación dos proxectos da mesma e na gravación de entrevistas e produtos documentais sobre a memoria e o patrimonio do títere tradicional. Para isto desenvolve as seguintes actividades:
- Gravación, edición e difusión de entrevistas, en colaboración co grupo de memoria, sobre o títere tradicional, o mundo das feiras e as artes escénicas e entretementos populares.
- Rexistro das actividades do festival Titiriberia, en particular da Mesa Redonda. Publicación nas redes deste vídeos.
- Elaboración de vídeos didácticos sobre o títere tradicional, en particular nos proxectos “Títeres no salón” e “Títeres no confinamento”
GRUPO DE EDICIÓN E COMUNICACIÓN
O obxectivo deste grupo é divulgar o patrimonio titiriteiro e as propias actividades da AC Morreu o Demo entre a poboación xeral, o ámbito académico e o espazo profesional dos títeres mediante a edición, física ou electrónica de libros, exposicións, webs e outros contidos, así como a creación de imaxes gráficas para a mesma e as súas diferentes liñas de traballo.
- Para isto desenvolve accións nos seguintes campos:
- Elaboración e edición, desde a propia asociación, de libros, folletos, exposicións e contidos web e multimedia sobre Barriga Verde, o teatro e os títeres populares e tradicionais.
- Elaboración da imaxe e textos do programa do festival Titiriberia e doutras propostas de artes escénicas da asociación.
- Xestión e seguimento dos traballos de impresión vencellados aos proxectos da Ac Morreu o Demo
- Deseño e elaboración do web da Asociación e doutros webs específicos das actividades.
- Xestión e asesoramento de edicións sobre Barriga Verde e o títere tradicional con outras empresas e colectivos.
- Elaboración de contidos e deseño de exposicións da asociación.