Alén de nós: Outras iniciativas de recuperación de Barriga Verde
-
O Barriga Verde de Manuel María (1968)
Pouco pasara desde que deixara de aparecer por feiras e festas o espectáculo dos Silvent cando Manuel María quixo renderlle homenaxe. A partir das súas lembranzas do espectáculo, e a engadir elementos da súa propia colleita, o autor chairego artellou unha fábula na que Barriga Verde aparece como un personaxe inmortal, padriño do protagonista, a quen axuda na súa loita por unha rapariga. A editorial Castrelos publicou a obra na colección O Moucho, e no ano seguinte a compañía Abrente estrouna na Mostra de Teatro de Ribadavia. O blog Revolta da Freixa achega un completo resumo deste texto.
-
Barriga Verde na Gran Enciclopedia Gallega (1977)
A inclusión do noso personaxe favorito nesta obra fundamental da cultura do país supuxo un paso de grande importancia no seu recoñecemento. O artigo aparece no terceiro tomo e todo apunta a que foi escrito por Xosé Piñeiro Ares.
-
Barriga Verde de Monicreques de Kukas (1980)
-
Títeres Cachirulo e a Asociación Cultural Barriga Verde
Da man de Jorge Rey, tanto a compañía de títeres como a asociación cultural que corre coa organización do festival Galicreques, desenvolveu desde 1985 diferentes iniciativas a prol da memoria de Barriga Verde. Entre estas resulta de grande a importancia o seu papel na creación do Premio de Textos para Teatro de Títeres.
– O Premio Internacional ‘Barriga Verde’ de Textos para Teatro de Títeres naceu en 2003 como un dos que convoca anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais para favorecer a creación dramática. O galardón mantense desde entón cunha modalidade para adultos e outra para público infantil e supón unha iniciativa única no panorama galego a prol da creación de textos para esta arte. O web da Agadic recolle a listaxe de premiados e as convocatorias do galardón.
– Nomeamento de Alfonso Silvent como presidente de honra da asociación

Un pequeno teatro de cartón con recortables para montar obras de títeres distribuíuse na edición de 2014 do festival Galicreques e está dispoñible para libre descarga.
-
Barriga Verde e o dragón Achís, de Xoán Babarro e Ana María Fernández (1990)

-
Reedición de Barriga Verde, de Manuel María (1996)
-
Bululú. Revista dos títeres número 0 (2000)
A primeira entrega desta publicación do IGAEM sobre o mundo dos títeres achega textos de Xaime Iglesias e Rafael Vázquez que repasan a historia dos Silvent e da obra de Barriga Verde, no que supuxo un novo fito no coñecemento e no recoñecemento do personaxe.
-
Actividades da Asociación Cultural Cedofeita, de Lérez
A aproveitar o asentamento en Lérez da familia de José Silvent, a Asociación Cultural Cedofeita veu desenvolvendo diferentes actividades de homenaxe e de recuperación da memoria de Barriga Verde. Publicacións coas investigacións que realizou Xaime Iglesias, entre eles a monografía Barriga Verde, un persoeiro con engado, conferencias ou funcións de títeres son algunhas das actividades coas que este colectivo contribuiu de xeito fundamental á memoria do personaxe.
-
Barriga Verde e o Demo Negro, de Alfredo Conde (2001)

-
Rúa Barriga Verde en Lérez (Pontevedra) (2002)
O Concello de Pontevedra quixo homenaxear o seu veciño José Silvent dándolle o nome de Barriga Verde a unha rúa próxima ao lugar onde este titiriteiro se asentou coa súa familia.
-
Viroliño de Honra a José Silvent (2003)
A coincidir coa primeira edición do festival Titirideza, a organización outorgoulle o premio Viroliño de Honra, de xeito póstumo, a José Silvent.
-
Barriga Verde, Manuel María e o San Froilán (2012)
-
Un país dende as táboas: 125 anos de teatro galego (2007)

-
Barriga Verde de A Gramola Gominola (2015)
O álbum de presentación de A Gramola Gominola incluíu unha canción dedicada ao títere tradicional. A recuperar expresións e escenas do espectáculo dos Silvent, o grupo mete ritmo country a este patrimonio escénico e achégallo a novas xeracións. -
Os bares
Temos constancia de bares co nome de Barriga Verde en Neda, Lalín e Ourense (estes últimos xa desaparecidos). Posiblemente haxa máis que, por estar rexidos por familiares ou por terse gardado na casa dos seus responsables memoria do personaxe, contribúen a mater vivo o seu legado na nosa socidade.
Desde o nacemento da AC Morreu o Demo apareceron novas propostas de recuperación, como as versións que desenvolveron Títeres Cascanuece e Fran Rei, e das que damos conta na nosa sección de novas. Tamén, na sección Quen somos pode atoparse un repaso do traballo de diferentes membros do colectivo a prol da recuperación desta memoria.