Para acadar os obxectivos marcados no Proxecto Barriga Verde, desde a AC Morreu o Demo estamos a desenvolver toda unha serie de actividades de difusión, dinamización e investigación dirixidas a diferentes públicos, dirixímonos especialmente aos seguintes grupos:

  • As persoas maiores que, pola súa idade, conservan a memoria do personaxe
  • As crianzas, que potencialmente poden integrar a Barriga Verde no seu imaxinario desde unha idade temperá.
  • Os/as adolescentes, que poden ter un papel importante á hora de recuperar a memoria do personaxe falando cos seus maiores.
  • Os adultos que, mesmo sen ter coñecido directamente a Barriga Verde, poden contribuír á súa difusión entre as novas xeracións ou traballar por recuperar este legado.

As persoas que facemos parte da Asociación levamos xa tempo a traballar na recuperación e na difusión da figura de Barriga Verde e mais da súa historia. Aquí listamos algunhas das accións que temos desenvolvido mesmo antes de nos integrar en Morreu o Demo.

Actividades da asociación

2023202220212020201920182017201620152013-2014Antes da AC Morreu o Demo: 2001-2013

O xigante Barriga Verde. Coprodución Morreu o Demo e Títeres Alakrán. Fotografía de Manuel Silva.

O ano 2023 supuxo un exercicio de consolidación de proxectos para a Asociación Morreu o Demo. Un novo pulo ao Festival Titiriberia, que continúa a medrar, así como a ampliación de espazos nos que se desenvolve o programa Da Barraca á Aula marcaron a axenda. Do mesmo xeito, as actividades que se desenvolven na Feira de San Martiño de Francos, en Teo, foron algunhas das apostas destacadas deste ano.

  • A VIII edición de Titiriberia marcou un novo fito para o festival. O apoio, por segundo ano, dos fondos da Axencia Galega das Industrias Culturais, que se suma ás colaboracións da Área de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello de Rianxo permitiron un importante incremento na magnitude do evento. Conseguimos levar os títeres a todos os recunchos de Rianxo, con especial presenza nas praias, e comprobamos de novo a entusiasta resposta do público. O crecemento chegou tamén ás propostas de formación, cun curso apoiado nunha exposición e en visitas guiadas que achegaron un pack de grande interese sobre a tradición do mamulengo brasileiro. Canda a isto, a habitual mesa redonda, unha nova conferencia sobre a memoria escénica de Rianxo e as actividades de formación de públicos mantiveron o seu peso no programa. Incrementáronse as colaboracións con entidades locais, a desenvolver a exposición de títeres nos escaparates con ARE e continuouse a retroalimentación co Grupo de Teatro Airiños, a Escola Municipal de Música ou o grupo Vai de Roda, ademais de abrir unha prometedora liña de traballo coa Asociación Ámbar de atención á diversidade funcional de Ribeira. 
  • No entanto, o máis destacado desta xeira do festival foi a aposta por novas producións propias e coproducións con diferentes compañías, que acadaron novos fitos. Deste xeito, celebráronse novas edicións do pasarrúas A festa dos títeres e mais das Varietés do Barriga Verde. A estas súmanse as coproducións O Xigante Barriga Verde, con Títeres Alakrán, que achega un novo formato para coñecer o noso títere tradicional por excelencia, o Romance de Peito de Lobo, no que con Seisdedos revitalizamos a antiga tradición dos cantares de cego en Rianxo, e mais a grande proposta de Trécola Coa música a outra parte, que nos permitiu contribuír ao novo espectáculo desta histórica compañía. 
  • Ao abeiro do festival publicamos nove novos vídeos arredor do títere tradicional galego aos que se suman as cinco pezas promocionais que realizou Teatro Airiños para o festival. A Varietés do Barriga Verde, a conferencias de José Luís Dopico Orjais, a visita guiada sobre o mamulengo de Izabela Brochado, a mesa redonda sobre títeres e II República, ou o pasarrúas A festa dos títeres están dispoñibles de balde na nosa canle de Youtube.
  • O proxecto Da Barraca á Aula seguiu a medrar neste ano. Como resultado do traballo que desenvolvemos estes anos o alumnado do CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía e mais o CEIP de Présaras estrearon senllos espectáculos de títeres que levaron a diferentes festivais escolares. As actividades formativas continuaron ademais nas aulas dos colectivos Ámbar e ASPAMITE , así como en Rianxo no IES Felix Muriel, no CEIP Ana María Díeguez, no CPI Brea Segade, e no CEIP Castelao. Tamén recuncamos en Teo no IES Cacheiras e con exposicións en centros da Ramallosa, Calo e Os Tilos. Mantivemos a actividade no CIFP Leixa de Ferrol e traballamos con este patrimonio en diversos espazos, escolares e sociocomunitarios, nos concellos de Valdoviño, Vilasantar e Mesía.
  • Recuncamos na Feira do San Martiño de Francos en Teo, cun auténtico maratón de funcións. 
  • Iniciamos unha colaboración coa Asociación Volta e Dalle, no Incio, a achegar contidos sobre o noso títere tradicional a unha xornada no seu Teatro das Cortes.
  • O secretario da AC Morreu o Demo, Germám Ermida, participou cunha presentación sobre Barriga Verde como exemplo de recuperación do patrimonio inmaterial nas xornadas Sub-Terráneas. Emerxer da terra para activar comunidade organizadas polo CIFP A Xunqueira de Pontevedra, que acolleu ademais obradoiros de creación e manipulación de títeres.
  • A seguir a actividade comezada en 2022, Morreu o Demo colaborou coa AC A Xesteira de Couso con diferentes obradoiros e propostas de formación. En concreto, fixéronse sesións de formación sobre a dramaturxia cos cabezudos construídos na anterior xeira de obradoiros. Estas máscaras participaron do festival “As nosas músicas” que se celebrou os días 13 e 14 de xuño. Ademais, desenvolvéronse unha serie de obradoiros para elaborar xigantes, que se incorporarán ao patrimonio escénico que a asociación emprega en diferentes celebracións.
  • A Asociación colaborou coa titiriteira Larraitz Urruzola na súa itinerancia internacional coa obra Dona Barriga Verde, coproducida no marco do festival Titiriberia, ao longo do mes de agosto de 2023. A Asociación achegou un roller con textos explicativos sobre o títere tradicional galego ademais de fornecer contactos da rede titiriteira tanto en Francia como en Nápoles.  No transcurso da viaxe a Larraitz presentou o personaxe de Barriga Verde en foros titiriteiros como o International Figura Offida Festival ou a  Casa Guarattelle  e achegou a estes espazos material editado pola asociación como o libro-DVD “Morreu o demo, acabouse a peseta”, o catálogo “Barriga Verde, de feira en feira” ou dossiers con información sobre a tradición titiriteira galega e o traballo da asociación.
  • Precisamente ao abeiro desta iniciativa creamos un roller didáctico con información básica sobre a nosa tradición titiriteira e o traballo da asociación en varias linguas que se exhibirá nos espectáculos das compañías coas que colaboramos e que contan cun Barriga Verde no seu repertorio, a achegar información sobre este patrimonio escénico.
  • Alén de en Teo, a Dona Barriga Verde de Larraitz Producións Artísticas, coproducida pola Asociación, puido verse na Feira do Libro do Porriño, na Romaría Raigame de Vilanova dos Infantes, no novo ciclo Titirivedra de Pontevedra e mais en Nigrán. Ademais, a súa Festa dos títeres, na que tamén está presente a personaxe, visitou Marín.
  • Pola súa banda, o Barriga Verde ataca de novo de Títeres Alakrán puido verse en Muros e mais no Festival Internacional de Títeres de Redondela. A compañía estreou tamén Barriga Verde defendendo as Torres de Altamira, unha montaxe na que o noso títere tradicional loita por este patrimonio histórico no marco do programa Altamira Brilla.
  • Continuou a colaboración coa asociación Thot Arts, que segue de difundir o traballo que realizamos sobre o títere galego na revista Titeresante

Barriga Verde no Titiriberia. Fotografía de Manuel Silva.

  • VII edición de Titiriberia marcou un fito para o festival. O apoio dos fondos da Axencia Galega das Industrias Culturais, que se suma ás colaboracións da Área de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello de Rianxo permitiron un importante incremento nas actividades e da duración do evento. Conseguimos levar os títeres a todos os recunchos de Rianxo, con especial presenza nas praias, e comprobamos de novo a entusiasta resposta do público. O crecemento chegou tamén á recuperación das propostas de formación, cun curso, a habitual mesa redonda e unha vídeoconferencia sobre as mulleres na arte dos títeres. Incrementouse en particular a colaboración do proxecto con entidades locais, organizando exposicións e concursos con comercios da zona e a manter a colaboracións co Grupo de Teatro Airiños, a Escola Municipal de Música, da Aula Ocupacional ou o grupo Vai de Roda. Tamén prestamos unha especial atención á memoria local cunha conferencia sobre o personaxe de Toribio. Unha anovada aposta pola sustentabilidade do evento, que contou cun plan específico neste aspecto, foi outra das novidades que se desenvolveron neste 2023.
  • Ao abeiro do festival publicamos once novos vídeos arredor do títere tradicional galego. A Varietés do Barriga Verde, as curtas promocionais de Teatro Airiños, as conferencias de José Luís Dopico Orjais e de Elvia Mante, a mesa redonda sobre catro décadas de títeres en Galicia, e o pasarrúas “A festa dos títeres” están dispoñibles de balde na nosa canle de Youtube.
  • O proxecto Da Barraca á Aula seguiu a medrar neste ano. Como resultado do traballo que desenvolvemos estes anos no CPI Virxe da Saleta de Cea, naceu a primeira compañía escolar de títeres vencellada a este programa didáctico: Titiricea estreouse en maio e recuncou actuación en decembro en senllos festivais escolares. As actividades formativas continuaron no CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía, nas aulas do colectivo ASPAMITE e mais no CEIP de Présaras, así como en Rianxo no IES Felix Muriel, no CEIP Ana María Díeguez, no CPI Brea Segade, e no CEIP Castelao de Rianxo. Tamén recuncamos en Teo no IES Cacheiras e incorporamos ao lote o CIFP Leixa de Ferrol, o  IES Val do Asma de Chantada e Valdoviño. Neste último concello canda ao Colexio Rural Agrupado e o CPI Atios, o programa foi alén dos centros de ensino e incorporou actividades na Casa da Cultura e no Centro sociocomunitario, a achegar os títeres á terceira idade.
  • Recuncamos na Feira do San Martiño de Francos en Teo, cunha proposta expandida que incluíu novos obradoiros e un lote de funcións. E conseguimos levar a Barraca de Barriga Verde de volta ás Festas da Ascensión en Santiago de Compostela, onde argallamos unha programación especial que reuniu todos os espectáculos de monicreques en activo que teñen o noso personaxe favorito como protagonista. Toda unha ledicia pra nós avanzar na recuperación dos títeres para as ferias e as festas populares, que agardamos continuar nos vindeiros anos.
  • Publicamos na rede o catálogo íntegro da exposición “Barriga Verde. De feira en feira”, 165 páxinas de artigos e contidos sobre o mundo do títere tradicional que amplía a bibliografía dispoñible de balde sobre a cuestión.
  • Levamos, da man dos amigos de Unha Gran Burla Negra, a Barriga Verde ao Museo de Arte Contemporánea Raíña Sofía. A baralla “O Ghaiteiro Petroleiro”, incluída na exposición “Las cartas sobre la mesa. La memoria del Nunca Máis y las barajas políticas” recolleu entre as súas cartas a imaxe do títere popular galego por excelencia, nun deseño realizado polo noso compañeiro Heitor Real.
  • Integrámonos no web Saberes Próximos, que dá conta de proxectos que traballan co noso patrimonio inmaterial
  • Ampliamos a nosa presenza en redes coa creación de novos perfís en Instagram para a asociación e para o Titiriberia.
  • Alén de nas barracas de Compostela e Teo e no Titiriberia de Rianxo, as recreacións de Barriga Verde en activo puideron verse da man deLarraitz Producións Artísticas en Redondela, na Romaría Raigame de Vilanova dos Infantes, Triacastela, Vimianzo e Lalín, para alén da presenza do personaxe no espectáculo A festa dos monicreques que se puido ver no Porriño e en Moeche. Pola súa banda, Títeres Alakrán levou a súa recreación do personaxe a Festiverín, Ames, e ao festival Titellada de Barcelona.
  • Ademais, o noso compañeiro Anxo García participou na revista oral do San Froilán, a lembrar as visitas de Barriga Verde á festa de Lugo.

Foi un ano cheo de novos espazos, de novos materiais, con bo ritmo e metas conseguidas. Entre elas, desenvolver as nosas actividades cunha maior sustentabilidade e máis coidados no traballo.  Máis asentados, con moitos proxectos por desenvolver e cheos de forza, continuamos a feira!

Logo dun ano marcado polas restricións da pandemia e o traballo en liña, este 2021 supuxo para a Asociación Morreu o Demo un intenso retorno á actividade presencial.

  • Despois da V Edición de Titiriberia coa que aterramos en Rianxo nos últimos días de 2020, a VI xeira do noso festival celebrouse só seis meses despois, trasladándose ao calendario estival. Aínda con limitacións de capacidade e cunha reducida participación de artistas de fóra por mor da pandemia, o evento conseguiu unha entusiasta aceptación na vila. A colaboración do Grupo de Teatro Airiños, da Escola Municipal de Música, da Aula Ocupacional e, por suposto do Concello de Rianxo, marcaron unha rápida integración do evento na axenda cultural do lugar, da que estamos tremendamente contentos. Por suposto, todo grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello. No marco do festival, como está a ser habitual, contribuímos a xerar novos contidos arredor do títere tradicional galego.
  • Para alén do espectáculo deste ano das Varietés de Barriga Verde, desta volta contribuímos na produción dos espectáculos “Máscara Maldita” de Nando Llera e mais de “A feira das sementes” de Babaluva. Tamén publicamos íntegra a mesa redonda desta edición dentro dos vídeos do Titiriberia 2021.
  • O proxecto Da Barraca á Aula seguiu a medrar neste ano. Lanzamos o seu propio web (no que seguimos a traballar) e presentamos os vídeos que realizamos ao longo do ano pasado, 11 no marco deste proxecto e 2 na serie “Títeres de Salón“. En conxunto, conseguimos artellar un importante fondo de materiais didácticos para introducir os títeres nas escolas. Ademais, ao longo de todo o curso, e en particular no primeiro trimestre do curso 2021-2022 desenvolvemos unha intensísima actividade con obradoiros que chegaron aos centros escolares de Rianxo para alén de manter presenza en varios de Teo, nas aulas do colectivo ASPAMITE e mais no CEIP de Présaras. Tamén seguimos o traballo no o CEIP Virxe da Saleta de Cea, e o CEIP de Xunqueira de Ambía que recibiron tamén obradoiros e exposicións deste proxecto. Nesta xeira iniciamos ademais unha colaboración coa cooperativa MaOs, que achega o seu saber no campo da recollida de memoria para traballar nas aulas con ese pasado dos títeres populares.
  • conseguimos voltar á Feira do San Martiño de Francos en Teo. A nova corporación municipal tivo a consciencia de que a achega da Barraca de Barriga Verde era necesaria neste encontro, como se demostrou nos últimos anos, para manter a singular esencia da feira. E alí estivo de novo o títere tradicional máis coñecido do país, en dúas das súas recreacións, a conseguir cheos na barraca e mesmo a ter que programar algún bis. Unha ledicia de encontro, co personaxe no seu ámbito natural, que son as feiras, e unha espiña que tiramos.
  • exposición Kinético, que coproducimos para o Titiriberia 2020, desenvolveu unha intensa itinerancia, con paradas en varios concellos de Lugo e unha espectacular estadía no Feira das Industrias Culturais Culturgal. A Asociación Colaborou tamén con Títeres Viravolta na exposición que a veterana compañía desenvolveu no Vello Cárcere de Lugo e na que se proxectou o documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Tamén se puido ver no videofórum que organizamos en Rianxo no mes de decembro, e a CRTVG emitiuno e púxoo dispoñible en liña a través do seu web.
  • Recuperamos novas memorias sobre o Barriga Verde orixinal coa publicación de tres vídeos. Nas mesmas Félix e Antonio Caspatín lembráronnos como era a Feira do Vento en Lalín.
  • Viravolta este ano levou ao seu Barriga Verde a Portas, mentres Títeres Alakrán achegou o seu ataca de novo ao IES de Valga, a Cambados, Teo, Vilalba e Corcubión. Santiago Compostela, pola súa banda recuperou a Barriga Verde para as Festas da Ascensión da man de Larraitz Urruzola, que tamén levou a súa Dona Barriga Verde ao Barco de Valdeorras e á Coruña. Larraitz tamén incluíu o personaxe no seu espectáculo “A festa dos monicreques” que se puido ver  en Mondoñedo e Lalín no marco do Festival Atlántica e mais en Moraña eValga. As dúas últimas compañías estiveron tamén presentes na Barraca de Barriga Verde da Feira de Francos.
  • E o CEIP de San Benito de Lérez incluíu o seus veciños José e Alfonso Silvent, que levaron a Barriga Verde por todo o país, nun mural.
  • Non podemos fechar o resumo sen lembrar que neste 2021 sumamos á AC Morreu o Demo valiosas incorporacións. Lucho Penabade, Tero Rodríguez e José Luís Do Pico Orjais están xa desde hai uns meses a traballar a todo ritmo e achegar moitas ideas desde a súa ampla experiencia no campo escénico, da música e da educación. En particular, os dous últimos revelaron a súa valiosísima colaboración á hora de integrar o Titiriberia na axenda e mais na sociedade rianxeiras.

Foi un ano cheo de novos espazos, de novos materiais, con bo ritmo e metas conseguidas. Entre elas, desenvolver as nosas actividades cunha maior sustentabilidade e máis coidados no traballo.  Máis asentados, con moitos proxectos por desenvolver e cheos de forza, continuamos a feira!

O ano 2020 veu cargado de complicacións por mor da pandemia de Covid-19. No entanto, mesmo no medio de confinamentos e coidados varios, atopamos ocos para continuar en marcha e aproveitamos para ampliar a nosa acción virtual.

  • Entre os fitos do ano, cabe sinalar o traslado a Rianxo do V Festival Titiriberia. A repentina e inxustificada decisión da concellaría de cultura de Teo de retirar o apoio ao evento levounos a procurar unha alternativa. E non podíamos atopar unha mellor. A implicación e o apoio que estamos a atopar na corporación municipal rianxeira fannos confiar nun futuro brillante para o noso festival, con vías para o facer medrar e asentalo nunha localidade que ten claro o potencial desta proposta. O Festival Titiriberia celebrará a súa quinta edición en Rianxo.
  • No marco do mesmo, a produción da exposición de autómatas Kinetico sumouse nesta ocasión ás xa habituais Varietés de Barriga Verde como grande aposta propia do evento. A se adaptar á situación sanitaria, optamos por unha edición semivirtual na que publicamos na rede, por tempo limitado, todas as actuacións que se desenvolveron no evento, cun importante éxito de público, a sumar en apenas unha semana desde a fin do programa, un milleiro de visionados e a medrar.Deste xeito, cremos ter conseguido manter e mesmo ampliar o alcance do festival, que se consolida ano a ano como foco do títere tradicional no país.
  • Para alén duns cuantos vídeos novos na nosa canle, entre eles a mesa redonda sobre a innovación no títere tradicional, o festival déixanos tamén unha nova exposición, A arte dos Silvent, que se integra na oferta de actividades da nosa asociación.
  • Malia aos problemas que houbo para rematar as actividades do programa didáctico Da barraca á aula nos centros que participaban no mesmo no curso 2019-2020, conseguimos ampliar esta proposta para a xeira 2020-2021. Co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, levamos o programa aos centros de ensino de Rianxo, onde está a ter unha acollida espectacular, e incluímos o CEIP de Présaras, en Vilasantar. Da man do Ministerio de Cultura, continuamos a actividade no  CPI Virxe da Saleta de Cea e incorporamos o IES de Xunqueira de Ambía á proposta. Para alén, estamos xa en contacto con máis centros interesados en integrar o títeres tradicional nas súas aulas. O programa Da barraca á aula incorpora novos centros na súa segunda edición.
  • A complementar esta oferta, e como resposta titiriteira á situacion de feche domiciliario iniciamos a serie de vídeos Títeres para o confinamento, na que se ensinan a elaborar diferentes tipos de marionetas con materiais caseiros e que conseguiron un éxito inédito, con case 1.500 visionados.
  • Na mesma liña, desenvolvemos a nosa colaboración coa asociación Aspamite de Teo, a realizar  obradoiros adaptados aos seus usuarios e á situación sanitaria, cunha estupenda aceptación.
  • Saíu publicado por fin Titeredata,  “Estudio sobre el Sector del Teatro de Títeres, Visual y de Objetos” no que participamos como entidade asociada. Unha visión pioneira sobre este ámbito que supón unha base fundamental para o futuro.
  • Malia ás múltiplas cancelacións e adiamentos, houbo Barrigas Verdes no Vicedo, Cabana de Bergantiños,  Santa Comba, Valdoviño e Ribadeo da man de Larraitz Urruzola, e no Festival Internacional de Títeres de Xerez, con Títeres Alakrán. Ademais, Larraitz tamén falou sobre Barriga Verde na súa actividade “A festa dos monicreques” nas bibliotecas de Ourense e Dumbría, e impartou un obradoiro co personaxe na Casa Colorida de Nigrán.
  • Na nosa liña de recuperación da memoria, publicamos o vídeo da entrevista que lle fixeramos ao xornalista Arturo Lezcano, tristemente falecido, a rememoras os títeres da súa infancia nas festas do Corpus de Ourense.
  • Tamén publicamos o vídeo da mesa redonda do Titiriberia 2019: Unha reflexión sobre o lugar do títere tradicional

De xeito inevitable, a pandemia dificultou moito as nosas actividades, pero pensamos que este 2020 asentou as bases de novos xeitos de traballar e abre camiños prometedores para o futuro. Desde logo, nós estamos encantados co acollemento, cada vez mellor, que están a ter as nosas propostas, e agardamos que 2021 dea para desenvolver un bo feixe de proxectos e iniciativas! Ganas non faltan! Moitas grazas a tod@s!

O repaso do labor da AC Morreu o Demo durante 2019 veu marcado por tres grandes fitos. A presenza da grande exposición Barriga Verde. De feira en feira no Museo Etnográfico de Castela e León entre abril e setembro amosou o potencial do noso títere tradicional alén de Galicia. 1.750 persoas máis visitaron a montaxe e sumaron así 20.000 visitas en toda a itinerancia deste proxecto.

Por outra banda, a posta en marcha do proxecto Da barraca á aula supuxo o prometedor inicio dun imprescindible traballo didáctico para garantir a transmisión deste patrimonio inmaterial. A nova colaboración cos centros de ensino de Teo e continuación do traballo do Cole de Cea (que xa deu os seus froitos no final do último curso) amosan o potencial desta liña de traballo. Ademais, no marco do proxecto púxose en marcha a nova exposición itinerante A grande familia do títere europeo, que dá a coñecer toda a parentela de Barriga Verde.

Canda a isto, a nova edición de Titiriberia abriu tamén novos camiños co éxito dun primeiro curso co que queremos promover o achegamento do sector titiriteiro galego ás formas tradicionais da arte e novas propostas no programa.

  • Ademais disto, o ano comezou intenso coa presenza de Barriga Verde na Real Academia Galega, nun emotivo acto no que se lembrou a Raimundo García Borobó como grande valedor desta figura.
  • O noso compañeiro Xaime Iglesias continuou o seu labor de investigación hemerográfica e tirou do prelo un interesante estudo sobre a presenza en prensa de Barriga Verde da man do Concello de Lugo.
  • Deunos o seu traballo a nivel de medios a polémica que acompañou a presentación de Dona Barriga Verde en Sarria. Aínda que iso deu tamén nun apoio brutal do sector escénico ao traballo do sector titiriteiro galego e a prol da liberdade de expresión. E, por certo, que da man de Larraitz Urruzola está na rede a obra íntegra, para que público e responsables de programación poidan saber con antelación que é o van ver.
  • Houbo barrigas verdes en Compostela, Malpica, Ribeira, Ares, Laxe, Boiro, Carballiño, Moaña, Lérez, Vilanova dos Infantes, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival Internacional de Títeres de Redondela da man de Larraitz Urruzola. Pola súa banda, Títeres Alakrán levou o personaxe Castellón, Zaragoza, Arxentina, Oza-Cesuras e Muras. Mentres Viravolta armou a súa reconstrución da barraca dos Silvent no Titirideza de Lalín e mais na Feira do Carballiños de Vilatuxe. Para alén, por suposto, das actuacións incluídas no Titiriberia.
  • O documental Morreu o Demo, acabouse a peseta integrouse no catálogo GaliciaLe, o que permite visualizalo a domicilio.
  • A compañeira Comba Campoi presentou o seu traballo de investigación Sen medo ao demo en Allariz.
  • Tamén publicamos a mesa redonda íntegra do Titiriberia 2018 e mais dous resumos en vídeo da edición.
  • Participamos como parceiras no estudo sobre o Teatro de Títeres, Visual e de Obxectos en España, unha ferramenta de grande importancia para artellar este sector.

Fóra do noso traballo inmediato, asistimos con tristura ao feche do Museo Galego da Marioneta en Lalín, un espazo que para nós era fundamental de cara á futura conservación do legado material da familia Silvent. Doutra banda, aledámonos do recoñecemento ao sector que supón Premio da Cultura Galega a Kukas e aprezamos o enorme potencial do Encontro de Titiriteiros de Mondoñedo, onde participaron membros da nosa asociación de cara a xerar un novo espazo para o sector.

O ano estivo cheo de novas achegas e proxectos arredor do títere tradicional galego. Para nós destacaron deste meses en particular as novas producións que promovemos para actualizar o legado de Barriga Vede, as Varietés e o Dona Barriga Verde de Larraitz Urruzola. Canda a elas, a publicación de Sen medo ao Demo, o libro da nosa compañeira Comba, marca un novo fito na investigación sobre o papel e a importancia do noso particular Pulcinella para a sociedade do país ao longo do século XX. A raíz deste traballo, Barriga Verde tivo unha importante presenza en encontros de investigación alén das nosas fronteiras. Mais non foron estas as únicas propostas que desenvolvemos este ano.

  • A coprodución da Dona Barriga Verde de Larraitz Urruzola foi un fito para a nosa asociación. A adaptación cun personaxe feminino que cuestiona os estereotipos de xénero amosa como se pode innovar e transformar a obra tradicional.
  • Canda isto, a posta en marcha das Varietés de Barriga Verde, unha ambiciosa produción que desenvolvemos no seo do Titiriberia continúa o noso empeño por recrear o labor da familia Silvent nas feiras galegas. Iria Pinheiro, Alonso Caxade, Paco Nogueiras, Joám Casas, Monicreques de Kukas, Diego Anido, Arturo Nono, Títeres Alakrán, Tanxarina Títeres e Mircromina amosaron un xeito de actualizar o legado dos feirantes tradicionais. Malia a todo o que chovía! Agardamos dar novas datas en breve de novas funcións desta montaxe.
  • O III Titiriberia foi o prato forte do ano que acaba. Novas colaboracións con asociacións e centros de ensino en Teo, un reforzo da programación na Feira de Francos e a reivindicación da muller nos títeres tradicionais como eixe deron unha xeira que foi todo un éxito de público e de crítica.
  • Entrevistámonos co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para lle achegar unha serie de propostas arredor do noso títere tradicional.
  • A presenza de Barriga Verde en Luar marcou sen dúbida un fito na divulgación do noso traballo e de certo axudou a recuperar a memoria deste personaxe para varias xeracións de galegos e galegas.
  • A Fundación Vicente Risco e o Concello de Lalín publicaron o libro Sen medo ao demo, adaptación da tese doutoral na que Comba Campoi explora o papel do teatro popular de títeres de Barriga Verde como un xeito de resistencia simbólica das camadas populares durante o franquismo. A obra mereceu un accésit no XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
  • Da man da nosa compañeira Comba, o traballo da asociación fixo parte das iniciativas que se presentaron na xornada Retos na Xestión do Patrimonio Inmaterial que se desenvolveu en maio no Consello da Cultura Galega.
  • Tamén foi Comba a que levou a súa investigación sobre Barriga Verde ao congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se desenvolveu en Madrid en setembro e á Faculdade de Ciências Sociais e Humanidades da Universidade Nova de Lisboa.
  • Santi Prego foi tamén embaixador do noso títere tradicional a falar sobre Barriga Verde en diferentes universidades europeas
  • A presenza de Barriga Verde en Compostela foi recollida no caderno <i>Compostela Festiva</i> que publicou o concello a rememorar a historia das festas santiaguesas, mentres o documental de MaOs sobre a Feira de Francos ou o webdoc Feira recolleron outras memorias sobre este personaxe.
  • A enciclopedia da Unión Internacional de Marionetistas tamén incorporou unha entrada sobre o títere tradicional galego.
  • Títeres Alakrán foi o responsable de levar a súa versión de Barriga Verde a festivais internacionais. Así, participou no ciclo Eixos de Santa María da Feira e tivo tamén representacións en Alcobaça.
  • Máis preto de nós, Viravolta Títeres levou a Barriga Verde a Redondela mentres Alakrán tivo actuacións co personaxe en Muxía, Curtis, Monterroso. Larraitz Urruzola comezou a andaina do seu novo espectáculo cunha actuación en Lalín.
  • Publicamos un audiovisual a repasar o Titiriberia 2017 que aproveitamos para facer un videoclip de Racha cos fíos, unha nova canción dedicada ao noso títere tradicional.

O ano rematou coa incorporación de Larraitz Urruzola e de Santi Prego ás filas da nosa asociación, dous profesionais que de certo han achegar ideas, gana e un lote de traballo para continuar coa investigación e a divulgación da tradición titiriteira do país!

O ano 2017 estivo marcado en grande medida pola proxección internacional do nos títere internacional favorito. Dentro das actividades nesta liña, é de destacar a presenza en diferentes festivais ibéricos e internacionais e mais a tradución das nosas exposicións. Barriga Verde continúa a chegar a novos públicos e a se asentar como unha parte imprescindible da nosa cultura.

  • Exposición Barriga Verde. De feira en feira, no Topic de Tolosa, desde marzo ata outubro, estreamos versión en castelán (e en euskera) da nosa grande mostra, ademais dun novo catálogo en castelán e inglés. Un total de 7.830 visitantes coñeceron o mundo as feiras e dos títeres galegos no principal museo dedicado ao títere no Estado. Con estas cifras superamos as 18.000 que viron as mostras nas súas diferentes paradas.
  • Títeres Alakrán foi o responsable de levar a súa versión de Barriga Verde a festivais internacionais. Así, participou no III Festival Internacional Titinerantes del Desierto de Atacama e realizou representacións en Santiago de Chile.
  • Tamén tivemos Barriga Verde no Festival de Títeres de Sevilla, con obra a cargo de Alakrán, proxección do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, e a exposición Onde foi Barriga Verde? con cartelas en castelán, que temos dispoñibles para interesados.
  • Titiricuenca e Barcelona recibiron tamén o traballo de Alakrán en diferentes funcións.
  • Mandamos unha réplica do Barriga Verde que custodiou Alfonso Silvent na súa casa de Lérez a Barcelona, de novo da man de Alakrán, para un emigrante que lamentaba non ter visto a obra na súa infancia.
  • Máis preto de nós, Viravolta Títeres levou a Barriga Verde a Pol, Compostela, Vilatuxe e Lalín mentres Alakrán tivo actuacións co personaxe en Cangas, Compostela, O Valadouro e Cee.
  • Artellamos a segunda edición de Titiriberia. O festival deu un paso de xigante ao incorporar os títeres de volta á programación da Feira Cabalar de Francos. Ringleiras de xente e cheos absolutos amosan o interese do público polo xénero. Ademais, contamos coa presenza de titiriteiros de Portugal, Francia e Italia.
  • No marco da nosa iniciativa de recuperación da memoria, gravamos e publicamos vídeos con testemuños sobre Barriga Verde e as festas de Padrón, Compostela e Muxía.
  • Recuperamos a historia da recuperación de Barriga Verde no noso web.
  • Desenvolvemos unha interesantísima colaboración coa residencia As dores de Lalín. Obradoiros, a exposición Onde foi Barriga Verde?, representacións e recollida de memorias amosaron o potencial dos títeres para traballar a dinamización e activar a memoria na terceira idade.
  • Tamén en Lalín desenvolvemos obradoiros de Títeres en Igualdade con diferentes centros de ensino.
  • En Allariz, tivemos tamén obradoiros e a expo Onde foi Barriga Verde?, e pode verse na actualidade no Pazo de Liñares.
  • Sacamos un calendario para 2017, e outro para 2018, que meteu a Barriga Verde en moitas casas!
  • E aínda temos pendentes de tirar á luz uns cantos proxectos, entre eles máis audiovisuais, que están a nos dar moito traballo!

Fóra do noso traballo directo, Títeres Cascanueces continuou coa súa aposta polo personaxe e este ano puxo en escena dúas novas obras con el de protagonista, <i>O baúl de Barriga Verde</i> e <i>A festa de Barriga Verde</i>, que xa estivo a representar en diferente localidades do país. As montaxes súmanse a aquelas que xa tiña a homenaxear o noso títere tradicional e amosan a vitalidade que presenta recuperación deste patrimonio para as táboas.

2016

  • Non cabe dúbida que o ano arrincou co que é un paso de xigante para coñecermos mellor a historia do noso títere tradicional predilecto. A lectura e publicación da tese da nosa compañeira Comba Campoi “O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960)” supón un novo fito no coñecemento arredor deste personaxe e introduce de xeito pioneiro o estudo sobre os títeres na investigación universitaria do país.
  • Non houbo moito tempo para a celebración. Non pasara nin un día e producíase a detención en Madrid de Títeres desde Abajo. Desde a Asociación desenvolvemos un intenso traballo de denuncia deste surrealista episodio, e elaboramos un comunicado que foi lido polo noso compañeiro Borja Ínsua na mobilización que se realizou en Compostela a pedir a liberación dos titiriteiros.
  • En abril, outra boa nova para o escaso patrimonio que se conserva do títere tradicional. A familia Silvent de Lérez acordaba deixar en depósito no Museo Galego da Marioneta de Lalín as pezas orixinais da barraca de José, conservadas grazas ao seu fillo Alfonso Silvent e que se puideran ver na exposición De feira en feira. Deste xeito, o museo incorporou esa imprescindible sala monográfica sobre Barriga Verde.
  • Esta nova mostra de xenerosidade foi, por desgraza, das últimas que nos deixou Alfonso Silvent. O falecemento do que foi o noso primeiro socio de honra,colaborador imprescindible e entusiasta do labor da asociación, marcou de xeito inevitable o 2016 para todos nós.
  • A Alfonso tivémolo moi presente tamén no noso posto no Culturgal, un evento ao que achegamos un novo calendario e presentamos o catálogo de De feira en feira, que aínda non se puidera ver neste encontro.
  • Tamén no evento demos a coñecer outro dos nosos proxectos. O conto ilustrado Barriga Verde. Unha odisea na feira. Un traballo de Germám Ermida e Heitor Real que quere achegar o personaxe e mais o mundo das feiras ás novas xeracións. Alén do libro en si, o proxecto conta tamén con extras que se poderán seguir nesta mesma web.
  • O Día das Letras dedicado a Manuel María facilitou unha invasión de novos barrigas verdes a escenarios e eventos. O texto que este poeta lle dedicou ao noso boneco preferido foi levado ás táboas en adaptacións de Títeres Cascanueces e como un contacontos de Fran Rei. Aínda que nós non tivemos nada que ver nestas montaxes, aledámonos enormemente da difusión que con eles conseguiu o personaxe, e estamos encantados de que novos artistas se animen a achegarse a este patrimonio escénico.
  • Onde si que estivemos implicados foi na adaptación que realizou Viravolta do texto de Manuel María. Un fermoso conto con títeres de mesa que se estreou o pasado mes de setembro.
  • Por suposto, o prato forte para nós foi o I Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos. O festival sobre títeres tradicionais, pioneiro no Estado, supuxo un intenso traballo e foi unha experiencia estupenda que agadamos poder repetir en vindeiras edicións co Concello de Teo e o apoio da Deputación da Coruña.
  • A maiores deste grande encontro, levamos a nosa exposición Onde foi Barriga Verde? a Celanova, Vilar de Santos e, por suposto, a Teo.
  • Ademais, proxectamos o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta en Arteixo, O Porriño e, de novo, Teo.
  • Houbo representacións de Barriga Verde, xa a cargo de Alakrán ou xa de Viravolta Títeres, en Lalín, Santiago de Compostela (varias), Pontevedra e Cangas e a Barraca de Viravolta visitou Vilatuxe. Tamén foi Viravolta a responsable de levar a Barriga Verde ao festival de títeres de Oropesa del Mar e Marina D’Or, a dar a coñecer a tradición galega fóra das nosas fronteiras.
  • En canto a charlas sobre o noso proxecto, pasamos por Bóveda, Vilar de Santos, Lugo e A coruña, e preparamos para a Cidade da Cultura o obradoiro Textos para títeres na literatura galega, no que se facía un repaso pola relación de diferentes autores co mundo dos monicreques.
  • O noso personaxe predilecto conseguiu tamén este verán unha particular presenza na TVG co programa Feirantes e a súa sección de humor chamada, precisamente Barriga Verde. Alá foi o noso compañeiro Anxo García para falar da tradición galega de títeres e dos Silvent.
  • E, aínda que non se viu moito por fóra, este ano fixemos moita investigación. Estamos a procesar entrevistas, gravacións de audio e de vídeo e un lote de material co que agardamos botar nova luz sobre o traballo dos Silvent e doutros titiriteiros e feirantes do país.
  • Comezamos o ano coa nosa grande exposición Barriga Verde. De feria en feira no Museo do Pobo Galego. Desde aquela, a mostra pasou polo Museo Galego da Marioneta de Lalín, polo Pazo da Cultura de Pontevedra e mais pola Igrexa da Madalena de Ribadavia, sumando máis de 11.000 visitas en todas as súas paradas.
  • A exposición, e todas as súas actividades paralelas, ocuparon boa parte do labor da asociación ao longo do ano. E é que de xeito paralelo a esta itinerancia, desenvolvemos, grazas á colaboración desinteresada dun excelente grupo de colaboradores e activistas (que, como nós, queren revivir con forza o noso títere favorito), un completo catálogo da exposición, con 165 páxinas cheas de interesantísimos contidos.
  • Unha das novas do ano foi para nós a estrea de Barriga Verde ataca de novo, a versión que Borja Ínsua, de Títeres Alakrán, realizou da obra clásica dos Silvent. E foi tamén toda unha ledicia incorporarmos a Borja á nosa asociación e sumarmos así esforzos pola recuperación do títere tradicional.
  • Así pois, o traballo de Alakrán por unha banda e de Viravolta por outra fixo posible que houbese en 2015 un bo feixe de representacións de Barriga Verde por todo o país. Varias sesións en Santiago de Compostela (entre elas unha no festival Galicreques), Lérez, Brión, Tameiga, Mos, Pol, Vilatuxe ou Lalín puideron ver en acción o Rei da Cachaporra.
  • Ademais, houbo proxeccións do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, conferencias, presentacións de publicacións e obradoiros.
  • Non podemos esquecer a presenza de Barriga Verde no Festival Nortíteres e mais na Feira do Libro de Guadalaxara, en México, da man de Borja Ínsua. Representacións, proxeccións e presentacións do proxecto deron a coñecer a nosa tradición titiriteira da outra banda do Atlántico.
  • No web, publicamos dúas novas pezas audiovisuais e recuperamos dúas publicacións pioneiras sobre a familia Silvent.

Desde a posta en marcha do proxecto, a comezos de 2013 véñense desenvolvendo múltiples accións de difusión. Aínda que aquí destácanse as que se realizaron unicamente no primeiro ano de actividade da Asociación, pódese seguir con máis detalle o noso traballo e propostas en Función e coñecer contidos editados por nós no marco do proxecto en Cordel.

  • Exposición:Barriga Verde. De feria en feira. En outubro de 2014 o Pazo de San Marcos de Lugo acollía a primeira parada deste grande proxecto. Unha mostra con pezas orixinais da familia Silvent onde se reconstrúe, en grande formato, con propostas interactivas e todo luxo de detalles, o mundo das feiras tradicionais galegas, a tradición europea de títeres e a historia de Barriga Verde e dos Silvent. Un magno proxecto que concentrou unha grande parte dos esforzos da Asociación Morreu o Demo durante este bienio.
  • Exposición e guía didáctica: Onde foi Barriga Verde?
  • A exposición pretende animar o visitante a reflexionar, a partir do esquecemento da figura de Barriga Verde en apenas 40 anos, sobre a perda do patrimonio inmaterial. A transmisión interxeracional, a perda de identidade e a importancia de manter referentes propios que se poden reelaborar e recrear son temas que complementan a propia historia de Barriga Verde e da familia Silvent.
    A mostra retrotráenos ao comezo das investigacións actuais sobre Barriga Verde, salientando a escaseza de material existente sobre a figura e amosando o seu proceso de esquecemento. As conexións europeas dos lances do personaxe, a situación actual deste legado ou o mundo das feiras e a súa evolución son temas que tamén se abordan nunha linguaxe sinxela e complementados con ilustracións, mapas e fotografías.
    Ademais, o discurso expositivo sitúase no punto de partida do actual proceso de recuperación do personaxe. Con este fin, déixanse abertos moitos dos contidos e saliéntase a falta de información que existe en varios casos.A exposición conta cunha guía didáctica que se pode descargar desde o web barrigaverde.eu, na que se propoñen actividades para diferentes idades. A linguaxe, a historia, a expresión artística ou os procesos de recuperación de memoria son algúns dos ámbitos que se propoñen. Desde a elaboración de títeres ata análises sobre as formas de lecer de diferentes xeracións, hai actividades para todas as idades e intereses.
    Coñece máis sobre a mostra e descarga a Guía neste artigo.
  • Edición en libro-DVD do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta.
    Un documental e máis de sesenta páxinas de contidos conforman este lanzamento. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais e que está dispoñible para a súa proxección, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra.O filme dirixido por Pedro Solla e con produción executiva de Comba Campoy, amosa por unha banda o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde da man da compañía Viravolta Títeres, ao tempo que indaga nos parentes europeos de Barriga Verde: Punch, Pollichinella, Guignol ou Kaspar, amosando a vitalidade dun legado a nivel continental que tamén ten a súa representación no noso país.O DVD vai acompañado dun libro de 62 páxinas que permite coñecer máis polo miúdo o proceso de xestación do documental, a importancia da tradición europea de títeres, a familia europea destes bonecos ou unha primeira achega á biografía de José Silvent, principal responsable de que Barriga Verde se convertese nun fito da nosa cultura popular. Textos de Toni Rumbau, Xaime Iglesias, Comba Campoy ou Germám Ermida actúan a xeito de extras do documental e permiten unha ollada máis fonda a este fenómeno da nosa escena.
    Coñece o libro-DVD
  • Participación na edición do libro José Silvent. O auténtico Barriga Verde de Xaime Iglesias.
    Esta obra pioneira repasa de xeito exhaustivo o percurso vital e profesional de José Silvent, quen se sabe foi o introdutor en Galiza da figura de Barriga Verde. Alén de tentar responder a moitas incógnitas sobre a persoa e o seu espectáculo, o libro de Iglesias achega documentación inédita e recupera parte do texto dunha obra que ata o momento apenas ficaba na memoria dos espectadores e da familia Silvent.

A publicación, elaborada con agarimo e rigor, trata de

dar a coñecer a vida, arte e realizacións deste titiriteiro, sen dúbida, o máis popular da nosa

terra durante o século pasado, que, polas súas excepcionais calidades persoais e artísticas,

converteuse no mítico Barriga Verde para o público, que o aplaudía afervoadamente. Con linguaxe coloquial e estilo sinxelo, o

autor sitúao nos contextos social e histórico

e destaca a relevancia que tivo o seu espectáculo de monicreques para a nosa lingua.
Descobre máis sobre a biografía de José Silvent

  • Representacións do espectáculo Barriga Verde, da man de Viravolta Títeres (Ribadavia, Redondela, Merza…)
  • Presentacións das publicacións. (Pontevedra, Vigo, Ourense, Betanzos, Lugo, Ribadeo, Compostela, Marín, A Coruña…)
  • Proxeccións do documental. (Ribadavia, Redondela, Porto, Lisboa, Vedra, Tolosa, Barcelona, Alacant, Compostela…)
  • Charlas didácticas para crianzas As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde
  • Posto, exposición e presentación do proxecto no Culturgal, feira das Industrias Culturais.
  • Colaboración co Museo do Pobo Galego para o Café da Memoria dedicado aos Titiriteiros
  • Edición de camisetas co personaxe
  • Sorteo de material
  • Presentación do proxecto en foros internacionais sobre títeres e teatro (Barcelona, Bilbao, Ribadavia, Porto…), e tamén sobre proxectos culturais (Máster de Xestión Cultural da USC, IES a Farixa)
  • Elaboración dun catálogo de actividades arredor de Barriga Verde para centros de ensino e culturais, bibliotecas e todo tipo de entidades. Consúltao aquí!
  • Recollida de testemuños sobre Barriga Verde polo país.
  • Nomeamento de Alfonso e de Juan Silvent, descendentes de titiriteiros que levaron a Barriga Verde por todo o país, como socios de honra da AC Morreu o Demo.
  • Creación do web, perfil en Facebook, Twitter e publicación de fotografías, artigos e outros materiais sobre o personaxe.
  • Recuperación do espectáculo. Viravolta Títeres, ano 1998.
    Espectáculo de títeres concibido por Viravolta títeres a partir das investigacións de Anxo García sobre o repertorio tradicional do personaxe, aínda que adaptado ao público contemporáneo. Os argumentos clásicos do teatro de cachaporra están presentes, como o enterro, o Barbeiro, o touro polo rabo ou o xogo da pelota.
  • Reconstrución da barraca O Pavillón da Risa. Viravolta Títeres, ano 2010.
    Barraca construída por Viravolta títeres a imaxe e semellanza da última barraca de Barriga Verde que temos documentada. Ten capacidade para máis de 50 persoas e no seu interior a compañía oferta espectáculos de títeres e de varietés, así como obradoiros de todo tipo.
  • Documental Morreu o Demo, acabouse peseta. Tintimán Audiovisual. 2012.
    Longametraxe documental de 78 minutos, producida por TINTIMÁN AUDIOVISUAL e dirixida por Pedro Solla. O filme aborda a figura de Barriga Verde, a través das intervencións dos descendentes de Silvent, e documenta o proceso de reconstrución da barraca a cargo de Viravolta. Ao mesmo tempo, inclúe testemuños e imaxes doutras marionetas da tradición europea: Guignol, Dom Roberto, Punch, Pulcinella, Don Cristóbal ou Kasparek. O documental foi adquirido pola TVG para a súa emisión. A AC Morreu o Demo procedeu á súa edición como Libro-DVD en 2013.
  • Inicio da investigación de Xaime Iglesias, ano 2000.
    O interese de Iglesias por Barriga Verde é moi anterior á publicación do seu libro Xosé Silvent Martínez. O mítico Barriga Verde. O autor xa publicara desde o ano 2000 varios artigos sobre a cuestión en medios escritos e dixitais como Barriga Verde, un persoeiro con engado, editado pola Asociación Cedofeita, de Lérez.
  • Primeiros rascuños da exposición e actividades divulgativas sobre Barriga Verde. Germám Ermida. Ano 2001.

Como se pode observar, as iniciativas para a recuperación do títere tradicional e de Barriga Verde veñen de lonxe. A constitución da asociación supón un fito que vén confirmar o compromiso a longo prazo que asumimos todos os que estamos implicados neste proxecto, porque entendemos que a recuperación e dignificación de Barriga Verde e do títere tradicional é un proceso de longo percorrido que non se esgota nun programa puntual, senón que é necesaria unha acción continua e continuada no tempo.

Do mesmo xeito, a Asociación está aberta á incorporación de novas persoas socias, que teñan interese en contribuír ao proceso de recuperación e posta en valor do patrimonio titiriteiro galego.