O proxecto Da Barraca á Aula botou a andar no curso 2019/2020 como parte das iniciativas da AC Morreu o Demo para dar a coñecer o títere tradicional na sociedade galega e recuperar a memoria de Barriga Verde.
O proxecto contou coa participación de múltiples centros de infantil, primaria e secundaria dos concellos de Teo, Cea, Xunqueira de Ambía, Rianxo e Vilasantar, e procura aproveitar as posibilidades didácticas dos títeres a diferentes ámbitos de ensino. Creación artística, expresión oral, escrita dramática, recuperación da memoria, historia e moitos outros contidos abórdanse no marco desta iniciativa. A intención última é integrar os títeres no traballo habitual da aula e facilitar que os centros participantes poidan desenvolver as súas propias producións escénicas e mesmo compañías escolares dedicadas a esta arte.