O nome de Barriga Verde transcende o personaxe dunha peza de títeres e abrangue toda unha serie de significados:
Polo xeral o nome refírese ao protagonista do espectáculo de marionetas que os Silvent levaron por toda Galicia entre as décadas de 1910 e a de 1960.
Chegado ao noso país da man de José Silvent, Barriga Verde incorpora as características esenciais da tradición europea de títeres de cachaporra. A súa popularidade en Galicia é enorme entre 1920 e 1960, cando percorre gran parte das feiras e vilas coa súa barraca. Os seus irmáns Santiago e Julia, en vista do éxito do personaxe, incorporárono tamén aos seus espectáculos, e entre os tres non quedaba feira ou festa en Galicia que non tivese acollido unha representación do famoso monicreque. As feiras da Ascensión en Santiago, a Pascua de Padrón, a de San Xoán de Carballo ou a de Santa Mínia en Brión eran paradas obrigadas da barraca dos Silvent, e nesas vilas coruñesas, alén doutras moitas, a chegada dos titiriteiros era moi agardada. Ademais, o espectáculo tivo a peculiaridade de ser unha das escasas mostras de teatro en galego realizadas durante o franquismo, unha forma de teatro popular que foi reivindicada por autores como Risco, Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Borobó entre outros.
O espectáculo que protagonizaba Barriga Verde formaba parte da tradición europea de títeres de cachaporra e compartía moitas das súas características. O protagonista enfrontábase a sucesivos inimigos nunha serie de pequenas escenas que sempre remataban a golpes. Números como o touro, o barbeiro ou o cura mantéñense aínda vivos na memoria de moitas persoas e a capacidade do protagonista de encarnar as frustracións e os anceios do público quedou sobradamente demostrada co éxito da montaxe.
En 1964, cando José Silvent se retira, o espectáculo esmorece. O teatro de títeres de luva abandona as feiras e pasa a ser considerado un entretemento infantil no que debe primar o compoñente didáctico. Os títeres de feira ían dirixidos a públicos de todas as idades e a súa funcionalidade era máis ben catártica. Non encaixan coas tendencias que impoñen os novos tempos. E é así como Barriga Verde camiña lentamente cara o esquecemento.
O personaxe acabou pasando o seu nome aos titiriteiros que o representaban.
Así, José Silvent, os seus irmáns Santiago e Julia e mesmo outros titiriteiros que representaron o personaxe foron coñecidos como Barriga Verde.
José Silvent, o maior dos irmáns, naceu en Estremadura e moi novo marchou a Portugal, onde aprendeu o manexo dos títeres, probablemente dun fantocheiro tradicional. Os robertos, os bonecos tradicionais portugueses, terían constituído unha importante influencia á hora de que José Silvent crease a Barriga Verde, que tamén ten similitudes cos títeres que existían previamente en Galicia (os cristovos). Ao noso país chegou por volta de 1910, e foi aquí onde presentou en sociedade o seu personaxe.
Co tempo, os irmáns de José Silvent tamén fundaron os seus propios espectáculos, incluíndo as marionetas e a Barriga Verde dentro dos seus programas de varietés. Cada un asentouse nunha zona de Galicia, percorrendo as festas e os salóns de localidades distintas. José desde Lérez (Pontevedra), Santiago desde a Mariña e Neda e Julia desde Ourense, as diferentes troupes percorrían feiras e aldeas, onde ofrecían números de varietés, pallasos, contorsionismo ou cancións, e levando o cinema a moitos lugares de Galicia.
Ademáis dos Silvent, outros feirantes adoptaron o nome de Barriga Verde como reclamo nas súas atraccións. Por ese motivo, José Silvent engadiu o lema “El auténtico barriga verde” á súa atracción.