Novos personaxes para un novo mundo

Novos personaxes para un novo mundo

Chegado o século XIX, os distintos personaxes da tradición europea de títeres deben adaptarse ás circunstancias. Moitos deles, como Karagiozis en Grecia ou Kasparek no territorio da actual República Checa, convírtense en voceiros dos movementos nacionalistas que darán pé á creación de novos estados. Outros trasládanse do rural aos suburbios das novas cidades industriais, e adquiren trazos que os fan identificabeis para as clases operarias. Así, Guignol é un traballador da seda de Lyon ou os Tchanchés de Liège reflicten as novas formas de miseria xeradas pola revolución industrial.

No sistema capitalista perden sentido as expresións da cultura popular tradicional. Os títeres de luva, que até daquela constituíran un divertimento interxeracional, van ser relegados ao público infantil, ao que se pretende inculcar unha moral consonte cos tempos. Aos titiriteiros tradicionais non lles queda máis remedio que adaptar o seu repertorio ao novo público que vai ver as representacións aos teatriños fixos dos xardíns ou dos parques de atraccións.

A personalidade irreverente e antiautoritaria de Pulcinella e familia sobrevive no repertorio dos titiriteiros máis humildes, que continúan a levar o seu teatriño polas aldeas, ás que as grandes transformacións sociais e económicas non chegarían até mediados do s. XX.

Os folkloristas de mediados do XIX chamaron a atención da importancia cultural das marionetas tradicionais europeas, xusto cando moitas desas expresións corrían risco de desaparecer.