Os parques de atraccións e o declinio das feiras tradicionais

No s. XIX, coa migración masiva do campo ás cidades industriais europeas, as feiras serán prohibidas ao consideralas foco de desorde. Para substituílas nacen os parques de atraccións como espazos de entretemento controlado para público burgués. O Tivoli de Copenhagen ou o Prater de Viena eran os máis famosos de Europa.

En Galiza as feiras continuarían a xogar un rol económico importante até ben entrado o s. XX e as novas diversións, como os circos e os pavillóns de varietés, convivirán moito tempo coas formas tradicionais de entretemento. A barraca de Barriga Verde constitúe un exemplo desa mestura de elementos tradicionais e modernos.

Ao longo do s. XX a mellora dos medios de transporte en Galicia fará que as feiras deixen de ser o único lugar onde abastecerse de determinados produtos e que os tratantes poidan desprazarse aos domicilios dos paisanos. O recinto de Salgueiriños de Santiago, inaugurado en 1971, é o primeiro dunha serie de novos espazos adicados á compravenda de gado, deixando fóra as outras actividades propias das feiras e culminando a separación entre os espazos de intercambio económico e os de diversión.

O cinema, que empezara sendo unha varieté de feira máis, convírtese no espectáculo estrela para o que se crean locais fixos en todas as vilas. As novas atraccións mecánicas, aparecidas a mediados do século XX, acabarán substituíndo as barracas tradicionais.

A feira é unha cidade en si mesma, efémera, pero cidade ao fin.De la Madrid, J. C.