Guignol

Guignol

Nacemento

Lyon, 1808, da man de Laurent Mourguet, operario da seda desempregado que decidiu probar sorte cos títeres de rúa.

Nun principio Mourguet pensaba empregar os monicreques para entreter a clientela que se achegara ao seu posto de sacamoas, pero axiña se decatou de que lle ía mellor adicándose a este oficio que ao de dentista. Así que decidiu montar un teatriño para actuar nas rúas e parques de Lyon, nun primeiro momento representando pequenas pezas cómicas co personaxe de Polichinelle. Reclutou a outro artista ambulante, o père Thomas, que tocaba o violino e atraía o público coas súas ocorrencias. Mais o père Thomas tiña demasiada afección ao viño e non sempre cumpría coas súas obrigas. Así que Mourguet decidiu construír un boneco que o subsituíse cando estaba na taverna. Foi así que naceu Gnafron, á imaxe e semellanza do père Thomas, e co seu mesmo amor polo beaujolais. Pouco despois Mourguet decatouse de que os novos tempos precisaban un personaxe distinto, que incidise máis na crítica á situación de grande crise económica que padecía o país no momento. Creou entón a Guignol, supostamente o seu autorretrato, que non tardou moitos anos en desbancar a Polichinelle como a marioneta popular francesa por antonomasia.

Físico

Nariz pequeno e ollos grandes amendoados. No século XX incorpóraselle un sorriso para adaptalo ao público infantil. Leva un gorro de coiro e unha coletiña, atributos típicos do canut (operario da seda). O seu pau é a tavelle, moi longa e que produce un son aparatoso. A importancia dos diálogos nas pezas explica que Guignol non se interpretase con palleta.

Carácter

A crise da industria da seda xerou un altísimo desemprego en Lyon a fins do s. XVIII, e a necesidade de atopar traballo é unha constante nas pezas de Guignol, quen ás veces é un criado e outras canut. Personaxe de bo corazón e positivo, menos violento ca Punch, pero disposto a usar o seu garrote para defender aos febles contra os abusos do poder.

Parentesco

Laurent Mourguet comezou manipulando a Polichinelle e despois creou Guignol á súa imaxe, polo que neste caso a paternidade é compartida.

 

 

A tradición do Guignol segue moi viva en Lyon, aínda que hai diferentes posturas, entre as de quen defenden unha versión “pura” do espectáculo e quen considera que se debe adaptar aos novos públicos.  Existe mesmo un teatro municipal consagrado a esta arte, xerido pola compañía Zonzons. Desde a Asocación dos Amigos de Lyon e de Guignol avogan polo preservación da figura como parte da identidade local. Tamén en Lyon, o Museo das Marionetas do Mundo acolle unha magnífica exposición permanente con pezas históricas de todo o mundo, que inclúe tamén as marionetas orixinais de Laurent Mourguet.