Os xogos
A feira, espazo de diversión
O xogo formou parte das feiras desde a súa orixe. En Galicia, cando a maioría das festas patronais deixaron de celebrar o mercado agrogandeiro, mantivéronse as barracas e os postos nos que se ofrecía ao público toda case de diversións. A orixe dalgúns deses xogos é antiquísima, e aínda que acabarían desaparecendo pola competencia das atraccións mecánicas, a súa capacidade lúdica segue intacta.
O péndulo
Este xogo, habitual nas feiras galegas da primeira metade do s. XX, é un desafío as teorías de Foucault. O concursante debía tirar co péndulo o obxecto colocado no seu eixe, algo que debería ser sinxelo se se cumpriran as leis da física. Curiosamente, o concursante case sempre quedaba sen premio.
O Pimpampum
Probábel precursor das barracas de tiro, é un xogo popular baseado na puntería, no que orixinalmente se lanzaban bólas para alcanzar un obxectivo sinxelo. Igual que os de forza, os xogos de puntería foron na súa orixe unha forma de adestrar os mozos varóns nas artes da caza e da guerra.
As tarabelas
Xoguete tradicional, normalmente feito de cartolina, aínda que tamén se facían de folla de lata e incorporábanse á fachada da casa ou aos cataventos para seren movidas polo vento.
O salto da “ra”
Trátase dunha versión dun xogo de forza habitual nas festas e feiras europeas do s. XIX, no que había que bater cun martelo nun resorte para conseguir mover un proxectil por un raíl. Ten a súa orixe nos xogos tradicionais das comunidades rurais, nas que se valoraba a forza dos varóns para cortar leña ou desempeñar outras tarefas agrícolas.
A sorte do paxariño
Numerosas atraccións pretendían aliviar o desacougo perante o futuro. Había individuos cun don especial para adiviñalo, como os quiromantes e os botadores de cartas; tamén determinados trebellos estaban “programados” para dicir a fortuna. Esta, na que un paxariño collía co peteiro un papeliño no que a persoa podía ler o seu porvir, é unha das máis antigas. Posteriormente aparecerían versións máis sofisticadas como o oráculo mecánico que construíu José Silvent, pai de Barriga Verde, ao final da súa vida.