Os camiños como refuxio

Hortus-Deliciarum

Ilustración a partir dunha miniatura do Hortus Deliciarum (s. XII)

Co fin do Imperio Romano os mimos e titiriteiros que actuaban nos circos da capital romana fuxiron á veciña Bizancio, onde continuaron activos até a caída de Constantinopla no s. XV. Moitos outros comezaron a percorrer os camiños, actuando en festas e tavernas das aldeas de toda Europa, mantendo vivos os arquetipos das farsas grecolatinas. As marionetas resistiron como forma de entretemento popular en Europa entre os séculos V e XI.

Cativos diante dun espectáculo de marionetas. Miniatura Jehan de Grise (1338-1344)

Cativos diante dun espectáculo de marionetas.
Miniatura Jehan de Grise (1338-1344)

Os primeiros cristiáns empregaron os títeres para achegar os Evanxeos ao pobo. Usaron primeiro estatuas de Cristo e de santos articuladas e despois representaron marionetas durante os cultos. As pezas de tema bíblico foron pouco a pouco incorporando personaxes cómicos, o que acabou por motivar a súa expulsión dos templos.

As marionetas chegaron á Península Ibérica no s.XII da man dos xograres populares italianos. Estes animaban os bavastels, un tipo de marioneta que baila atada á perna do titiriteiro. Até o s. XVI esta sería a técnica máis popular na Península. Neste século xa se fala dos marionetistas ambulantes como “titiriteiros”, case sempre de xeito pexorativo.

No Sínodo de Orihuela (1600), prohíbese que “nas igrexas se representen as accións de Cristo, as da moi santa Virxe e as vidas dos santos, por medio destas pequenas figuras móbiles que vulgarmente chaman titeres”