O Cinema
Cinema e varietés
Alén das feiras e festas de todo o país, Barriga Verde estaba presente en moitas aldeas durante o inverno, cando os membros da familia Silvent ofrecían o seu espectáculo nos salóns de baile ou nos patios dalgunhas casas. Nestes casos, ademais dos títeres proxectaban filmes e poñían discos para amenizar o baile dos mozos e mozas do lugar.
A principios do século XX eran moi populares os espectáculos de varietés que combinaban actuacións musicais e humorísticas con acrobacias, números de maxia e ilusionismo, espectáculos de fenómenos, marionetas e, nun primeiro momento, proxeccións de cinematógrafo.
Estes espectáculos chegaban aos teatros das cidades precedidos dunha grande publicidade nos xornais, con informacións que esaxeraban a sona mundial dos artistas que actuaban nelas.
As barracas dos tres irmáns Silvent constituían unha versión modesta destes shows, que foron perdendo popularidade a mediados de século, cando o cinema, como espectáculo “total”, acabou substituíndo a todos os demais números de varietés.