Unha festa con protagonistas peculiares

As feiras anuais adoitaban coincidir con romarías ou coa celebración do patrón da localidade. Tal foi o caso da feira de San Froilán e de moitas outras romarías adicadas a un santo.

Nelas, alén dos labregos e labregas das aldeas próximas que acudían vender os seus excedentes, dábanse cita numerosos personaxes, membros de colectivos nómades. Xunto con aqueles que gañaban a vida coa fabricación e venda de obxectos diversos, había unha serie de personaxes cuxa actividade principal consistía en entreter e divertir. Eran os artistas ambulantes.

Saltimbanquis, menestreis, titiriteiros e charlatáns actuaban ao carón de gaiteiros e vendedores de literatura de cordel, bailarinas ziganas e húngaros que amestraban monos ou cabras. Algúns deles formaban parte de estirpes de orixe antiquísima, afeitos a morar nos camiños e a percorrer longas distancias nas súas caravanas. Outros eran paisanos que complementaban os ingresos da terra co que obtiñan por animar as festas.

A partir do s. XVIII, cando as feiras gañan en número e en variedade de produtos ofertados, as diversións na feira tamén se diversifican.

…durante séculos, mesmo os máis célebres artistas -sobretodo os ambulantes- vivían á marxe de toda vida social.M. Winter