Identifica a fonte
Anota o nome do infórmate, a súa idade,  o lugar da entrevista, a data e, en podendo, o lugar e a época dos feitos dos que fala. Tamén son de interese datos como a extracción social da persoa e da súa familia: se eran urbanitas ou da aldea, se tiñan máis ou menos cartos…

Crea confianza
Se sincero sobre os teus obxectivos, actúa con humildade, préstate a responder preguntas sobre ti mesmo ou sobre o proxecto. Contar coa confianza do interlocutor (máis se non é do teu contorno próximo) é fundamental para investigar a tradición e a memoria.

Escoita con calma
O coñecemento que se transmite por vía oral non é un libro de instrucións. As cousas explícanse mediante exemplos, dánselle voltas, búscase a complicidade do interlocutor con chistes ou contando o que se pensa que lle pode interesar. Non presiones o teu interlocutor, desfruta da conversa e pensa que de todo se aprende e pode ser importante.

Grava e toma notas
Grava todo, indicándolle ao teu informante que o estás a facer. Un móbil é unha boa opción, tendo coidado de verificar que se escoita ben. Nunca se sabe onde pode estar o dato. Por exemplo, unha persoa maior que faga referencia a un feito nunha parte da conversa (a visita dun personaxe importante, unha inauguración…) pode permitir datar outros feitos ou abrir outras vías de investigació (por exemplo ao mencionar outras persoas que poideran estar no lugar).

Emprega a táctica do funil
Comeza con preguntas abertas. Por exemplo, no canto de comezar a conversa directamente por Barriga Verde, pregúntalle á persoa se lembra as festas da súa mocidade, déixalle falar, vai tentando concretar a qué festas ía, qué comía, qué facía alí… Os recordos chámanse uns a outros, situar o interlocutor en escena facilitará a súa lembranza, ademais de achegar importantes datos contextuais.

Non condiciones a resposta
Non é o mesmo preguntar: “Lembras a Barriga Verde?” ou “Dicían Morreu o Demo, acabouse a peseta?” que dicir: “Había espectáctulos de títeres?” “Como se chamaban?” “Dicían algo ao final?”. As lembranzas son materias fráxiles que se poden ver facilmente influídas polo xeito de preguntar. Do mesmo xeito, é mellor preguntar sobre Barriga Verde primeiro e logo, se hai interese por parte da persoa, amosarlle o documental ou outro material, e ver o que sae de aí. Se tivésemos preguntado constantemente pola expresión “Morreu o demo” poida que non tivésemos coñecido que existían variantes que, quizais, nos poden axudar a identificar diferentes compañías de feirantes e as súas rutas.

Valora o coñecemento do teu interlocutor
A miúdo a xente garda memorias que non considera importantes. Sinalarlles que che interesa o seu coñecemento sobre un tema animará a que conten máis cousas. E a quen non lle gusta saberse aprezado? Para isto pode ser interesante amosar (mellor a posteriori, ver máis arriba) recortes de prensa, o documental ou outro material que verifique como as lembranzas sobre este ou outro temas son importantes e aprezadas.

Deixa espazo entre as cuestións
Pode ser que nalgúns momentos atopemos un lote de fíos dos que tirar, e transformemos a conversa nun interrogatorio. Isto pode abafar o interlocutor (máis se é unha persoa de idade) e ser contraproducente. Déixalle tempo para contar o que queira, toma nota e volta máis tarde a algunhas cuestións.

Contrasta
Podes preguntar en varias ocasións sobre as mesmas cuestións para verificar a lembranza da persoa. Poden saír novos datos de interese ou, pola contra, amosar contradicións que poden pór en dúbida o relato. En calquera caso, é importante recollelo.

Sé agradecido
E faille saber ao interlocutor o que se fixo coa súa memoria.

Cuestións que pode ser de interese preguntar
Aínda que se poden formular de diferentes xeitos, atendendo a como se desenvolva a conversa e á confianza co interlocutor, algúns dos temas que resultan de interes para o proxecto poden ser:

  • Había feiras e festas?
  • Como eran?
  • A que feiras ían? (lugar e época a ser posible)
  • Que se facía alí?
  • Con quen ían?  (en familia, con amigos ou amigas)
  • Comerciábase?
  • Que comían?
  • Había música? Como era?
  • Había outros entretementos? Cales?
  • Lembra se había espectáculos? Cales? Bonecos (moita xente non emprega a palabra títere), malabares, equilibristas, pallasos…?
  • Como se chamaban?
  • Lembra algo do espectáculo?
  • Canto custaba?
  • Que dicían?
  • Sabe algo dos feirantes que levaban os espectáculos?
  • Lembra algunha canción das que se cantaban daquela?