Kasper

Nacemento

Viena, último terzo do século XVIII.

Físico

O polichinela xermano presenta grande variedade de rostros. Por unha banda está o Kasperl máis antigo e “literario” que leva barba e bigote e un chapeu puntiagudo. Pola outra, está o que actúa nos teatriños de títeres de luva, que ten unhas faccións semellantes aos polichinelas do norte e centro europeos: Punch, Jan Klaassen, Petrushka, Vitez Lazlo, Vasilache…

Carácter

O Kasper do teatro popular de títeres dos países xermanos é inconformista, cómico e filósofo, angustiado pola súa vida eterna: o espectáculo remata sempre coa frase “Kasper sobrevive e non morre”, a pesar das moitas pelexas nas que se ve envolvido.

Parentesco

Descendente directo de Pulcinella. Nos países de fala alemá impuxo o seu nome a personaxes de tradicións anteriores como Hanswurst, Pickelherring e, nos territorios checos, Primprele.