A palleta

Voz de pito… e en galego

Para facerse ouvir  no balbordo das feiras, os titiriteiros tradicionais desenvolveron un sistema propio de amplificación. Crearon un pequeno instrumento, chamado palleta en galego e portugués (lengüeta en castellano, swazzle en inglés, sifflet-pratique en francés, pivetta en italiano, pichtchik en ruso…), que producía un inconfundíbel son agudo audíbel a varios metros de distancia. O seu manexo e fabricación foi un segredo gardado celosamente durante séculos polos marionetistas, que só llelo transmitían aos seus discípulos.Na tradición europea de títeres de cachaporra era empregada para a voz do heroe cómico, aínda que nalgúns casos, como o dos robertos e o de Barriga Verde, empregábase para poñerlle voz a todos os personaxes.

bruno2

José Silvent e os seus irmáns manexaban con soltura as palletas de prata que eles mesmos fabricaban. O feito de que a voz manipulada por este instrumento era máis difícil de entender foi aproveitado desde o Renacemento para disimular os contidos subversivos dalgúns diálogos. No caso de Barriga Verde, que non abandonou o galego durante o Franquismo, a palleta puido axudar a que as forzas do Réxime non reparasen nese desacato á prohibición de usar publicamente a nosa lingua.

A palleta componse de dúas láminas de prata ou cana unidas por unha membrana que restrinxe o aire ao seu paso. Apoiado contra o padal brando  modifica a voz, producindo un característico son de pito.

Ciertas figurillas que suelen traer los extrangeros en unos retablos que mostrando tan solamente el cuerpo ellos, los goviernan como si ellos mesmos se moviesen, y los maestros que están dentro detrás de un repostero, y del castillo que tienen de madera están silvando con unos pitos, que parecen hablar las mesmas figuras, y el intérprete que está acá fuera declara lo que quieren decir, y porque el pito suena titi, se llaman títeres.COVARRUBIAS, Tesoro de la lengua castellana o española (século XVII)