As escenas

Os bonecos chegaban sempre ao final, despois dos números de varietés. Consistían nunha serie de pequenas pezas protagonizadas polo boneco que acabou por darlle nome a todo o espectáculo: Barriga Verde.

Este personaxe reúne os trazos típicos dos protagonistas cómicos da tradición europea: a irreverencia, a aparente estupidez que agocha a astucia coa que vence aos poderosos e o uso do pau ou cachaporra para bater nas cabezas de quen se cruce no seu paso. Os outros personaxes son tamén típicos da tradición polichinesca, adaptados ao contexto ibérico: o lexionario, o indiano, o crego, Rosiña e, como non, o Demo.

O  Barbeiro

Tamén chamado “O barbeiro de Sevilla”, aínda que o argumento pouco ten que ver co da ópera de Rossini. Este lance está presente, con algunhas diferenzas, nos robertos e nos cristovos representados polos bululús galegos, segundo recolle Casto Sampedro. Barriga Verde é o barbeiro que atende a Manuel, un indiano que anda fachendeando das súas riquezas, no día do seu casamento con Rosiña. Barriga Verde aféitao pero o cliente non queda contento co servizo e non quere pagar, o que dá pé a unha discusión que o barbeiro resolve matando ao indiano a paus.

O enterro

Tamén chamado “A viúva alegre”, mais sen relación ningunha coa opereta do mesmo nome. Esta escena ía despois da do barbeiro ou de calquera outra que acabase coa morte dun prometido de Dona Rosiña. A rapaza chora ao descubrir a traxedia e Barriga Verde, para consolala, vai buscar o cura. Este organiza o enterro, unha das escenas máis elaboradas do espectáculo:  catro sacristáns agarraban o cadaleito, e avanzaban cara a igrexa ao paso do crego, que ía rezando un responso incomprensíbel. Rosiña e Barriga Verde ían detrás da comitiva. O pranto amargo da moza espertaba o morto, que sacaba a cabeza do cadaleito e dicia:

Non chores, Rosiña, que eu vou ben! O MORTO

Ao remate do sepelio o crego esixía os seus honorarios, que Barriga Verde pagaba a vareadas, para alborozo do público.

A tourada

Este sketch é común á tradición dos robertos portugueses, onde o toureiro se enfronta co touro sen máis arma cós seus propios brazos. Na versión de Barriga Verde incorporábanse tamén elementos da tradición taurina española.

O pau facía as veces  da espada. Despois de moito marealo o touro acababa derrubándose. Barriga Verde levantáballe o rabo para confirmar que o touro estaba morto, dicindo:

Está podre, non serve para nada!BARRIGA VERDE

Ou, segundo outras testemuñas: “Está descomposto, cheira polo cú!”. En calquera caso, o elemento escatolóxico era unha garantía de gargallada xeral, e explica que a escena fose tamén coñecida como “O touro polo rabo”.

A morte do Demo

Esta escena adoitaba ser a última e é común a toda a tradición de Pulcinella. O Demo, informado das andanzas de Barriga Verde, sobe á terra para levalo ao inferno. O heroe tenta enganalo con diversas artimañas, pero finalmente ten que recorrer á cachaporra. Como non, Barriga Verde sae triunfante, e acaba por matar a Lucifer, o que motiva a frase coa que remataban os espectáculos:

Morreu o Demo, acabouse a peseta!BARRIGA VERDE