De Feira en Feira

BV-07O riso esquecido

As feiras foron o escenario de encontros excepcionais. O seu carácter festivo non é casualidade: durante moito tempo constituíron o único contacto das xentes do rural cun mundo exterior. A barraca de Barriga Verde foi, nos anos de esplendor das feiras en Galiza, un dos habitantes máis prestixiosos deste espazo efémero. Na primeira metade do século XX non se entendía unha festa se non acudía a ela o teatro de títeres dos Silvent. Mais do mesmo xeito que apareceu e deslumbrou coa súa graza e enxeño, o monifate galego deixou de actuar nunha feira da Pascua de Padrón de 1964, porque outras atraccións lle arrebataran o trono das festas.

Despois, o silencio

Sen que ninguén collese o testemuño, os bonecos e as historias de Barriga Verde ficaron no faiado durante demasiados anos, até que uns titiriteiros mozos se preguntaron polas raíces da súa arte. Xa no novo século, unha nova xeración uniuse aos esforzos investigadores sobre o espectáculo. E así nace, en 2013, a Asociación Cultural Morreu o Demo. Dentro do seu Proxecto Barriga Verde intégrase esta exposición.

Ao longo de tres espazos (empezando polas feiras, principal escenario do espectáculo; seguindo coas orixes da tradición europea de títeres de cachaporra, da que Barriga Verde fai parte; concluíndo co espectáculo propiamente dito: os personaxes, as técnicas, as historias e as persoas que o fixeron posíbel), propomos unha reflexión sobre os motivos do amplo descoñecemento que este personaxe, membro dunha tradición europea de séculos, continúa a padecer.

Son moitas cuestións, e esta exposición non as pode respostar todas. As lembranzas das persoas que asistiron a algunha función de Barriga Verde pódennos axudar a desvendar moitas das incógnitas que rodean o personaxe.