O VI Titiriberia levará dez compañías a Rianxo entre o 20 e o 24 de xullo
O programa descentralizarase e espallará a súa oferta cultural pola xeografía do municipio con representacións e actos por Araño, Isorna, Taragoña, leiro, Asados ou Rianxo
O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa
colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa sexta edición en Rianxo entre os días 20 e 24 de xullo. En total, unha decena de compañías ofrecerán os seus espectáculos na vila rianxeira no marco dunha ampla programación que tamén inclúe mesas redondas, exposicións e presentacións de libros. Deste xeito, o Festival Titiriberia trasládase no seu segundo ano en Rianxo ao verán e ampliará a súa presenza polo municipio, ao descentralizar a súa programación e espallar as súas actuacións por diferentes centros sociais e parroquias. Levaranse
así as artes escénicas ao tecido asociativo local, pero tamén aos campamentos de conciliación con diferentes obradoiros coa rapazada.
Nesta viaxe artística e itinerante pola xeografía rianxeira, Titiriberia despregará a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo grazas aos espectáculos que ofrecerán dez compañías, das cales oito son galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, ao procederen os seus integrantes de Portugal e Exipto (Habib e Valeria). Ademais, a programación incluirá tamén a xa celebre Varietés do barriga Verde, un encontro escénico para o
público adulto que mestura a diferentes artistas nun espectáculo conducido por Iria Pinheiro que combina o cabaré, o teatro, os títeres ou a música. As varietés do Barriga Verde celebraranse este ano no Patio do CEIP ADR Castelao o 23 de xullo ás 23.00 h.
Obradoiros para a cativada
Na súa tradicional aposta polo contacto coa cativada e a captación de novos públicos, Titiriberia integrará este ano os seus Obradoiros de construción de títeres con dinámicas de igualdade nas actividades dos Campamentos de Conciliación do verán do Concello de Rianxo. Deste modo, o festival ofrecerá esta iniciativa de formación para que a rapazada confeccione, a partir de materiais de refugallo, os seus propios bonecos. Tras a construcións dos monicreques, os e as participantes deberán crear escenas para seren representadas. No caso dos e das asistentes de maior idade, presentarase un conflito de desigualdade que se resolve de xeito violento. A partir de aí, dedicarase un tempo a reflexionar dende o colectivo para crear unha escena cunha solución pacífica. Deste xeito, grazas ao Festival Titiriberia, empregaranse os bonecos para concienciar sobre cuestións fundamentais para a sociedade como son a igualdade e o medio ambiente.