Morreu o Demo publica novos vídeos para expandir o marionetismo
Co apoio das axudas para a Acción e a Promoción Cultural do Ministerio de Cultura e Deporte 2020, a AC Morreu o Demo está a publicar na súa canle de Youtube novos vídeos para facilitar a construción e a manipulación de títeres.
Títeres de salón
As novas producións insírense na serie Títeres de salón, orientada á introdución dos monicreques como un xeito de ocio no domicilio. Nestes vídeos amósanse diferentes xeitos de construír bonecos con materiais dispoñibles en calquera fogar, proporcionando unha variedade de modelos que achegan distintos sistemas de manipulación e de posibilidades expresivas. Dos bonecos con corpo completo realizados con xornal á orixinalidade dos títeres comestibles, estas pezas seguen a liña que a Asociación Cultural iniciara no comezo da pandemia cos vídeos de Títeres confinados, agora cunha mellor realización e traballados de xeito máis didáctico.
Da barraca á aula
Destinados a complementar a oferta formativa que Morreu o Demo desenvolve en centros no ensino, achegamos novos vídeos no proxecto Da barraca á aula. Desta volta, as gravacións achegan instrucións para crear bonecos de maior complexidade e posibilidades dramáticas. Títeres con movemento de boca ou propostas realizadas con teas compleméntanse con pezas que se centran e abordar cuestións sobre manipulación e escenografías para as representacións.
Os vídeos contaron coa participación de profesionais dos títeres como Larraitz e Mirari Urruzola e Anxo García e foron gravados por Pixelin Photo, co apoio de Tintimán Audiovisual.