NOVAS Titiriberia estreitará lazos coa veciñanza e descentralizará un amplo programa no seu segundo ano en Rianxo
O programa do festival, que celebra entre o 20 e o 24 de xullo no municipio rianxeiro a súa sexta edición, espallará a súa oferta cultural pola xeografía do concello ao repartir representacións e actos por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados ou Rianxo
>> Titiriberia inclúe este ano un total de dez espectáculos, dúas estreas e unha coprodución do festival con Indignati (Asociación Galega de Commedia dell’Arte)
Programa completo do VI Titiriberia
Rianxo , 15 de xullo de 2021.- O Festival Titiriberia. Festival de Títeres tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa sexta edición en Rianxo entre os días 20 e 24 de xullo. O festival desenvolverase así por segundo ano consecutivo no municipio rianxeiro, co obxectivo neste 2021 de estreitar lazos coa veciñanza, fomentar a implicación comunitaria e descentralizar a actividade cun amplo programa que inclúe dez espectáculos, exposicións, mesas redondas, recollidas de testemuños e actividades formativas. Así o explicou Comba Campoi, integrante da Asociación Morreu o Demo, nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Rianxo e na que interveu o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.
O VI Titiriberia, baixo o lema Rianxo. Cachaporras de pau de laranxo, arrincará o próximo martes coa compañía galega Larraitz Producións Artísticas, que presentará a súa Dona Barriga Verde, espectáculo que desafía as convencións de xénero ao converter o clásico personaxe da tradición titiriteira galega en muller. A peza, destinada a maiores de cinco anos, ofrecerá o propio martes dúas funcións: ás 12.00 h. no Campo Maneiro de Taragoña e ás 21.00 h. no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro. Así, esta será a primeira das dez compañías que pasen polo festival, que este ano recibe un total de dez formacións: oito galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, a luso-exipcia (Habib e Valeria).
Dúas estreas
O programa de Titiriberia inclúe dúas grandes estreas nesta sexta edición. A primeira delas chegará o venres 23 de xullo da man de Indignati (Asociación Galega de Commedia dell’Arte) que, coa colaboración na produción da Asociación Morreu o Demo, presentará o seu espectáculo Maldita Máscara, montaxe de Commedia dell’arte que mestura contos, música, acrobacia e máscara. A estrea terá lugar no Pazo do Rianxiño ás 20.30 h. A segunda estrea será ás 21.00 h. no mesmo espazo e correrá a cargo da compañía Babaluva, que dará a coñecer a súa peza Feira de sementes.
O programa, que despregará a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo, inclúe outras grandes citas, como é o caso da xa celebre Varietés do Barriga Verde, un encontro escénico para o público adulto que reúne diferentes artistas nun espectáculo, conducido por Iria Pinheiro, que combina o cabaré, o teatro, os títeres e a música. As varietés do Barriga Verde celebrarase no Patio do CEIP ADR Castelao o 23 de xullo ás 23.00 h. e contarán coa participación de Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Rafa Rey, Tero Rodríguez, Lucho Penabade e Malala. A música correrá a cargo dun cuarteto da Escola de Música de Rianxo. Ademais, no marco das Varietés do Barriga Verde presentarase o libro República Sideral, da draamturga Esther Carrodeguas.
Recollida de memoria
Neste 2021, o Titiriberia buscará realizar encontros nos que se realizarán gravacións e entrevistas para recoller os testemuños de persoas de idade que lembran a Barriga Verde e a outras familias de titiriteiros tradicionais con presenza en Rianxo. Para iso establecerase colaboración co tecido asociativo e cultural do municipio. Ademais, o programa complétase con outras actividades como diferentes exposicións sobre os monicreques tradicionais, a presentacións de libros como Fábulas da montaña de Inacio Vilariño, unha mesa redonda moderada por Comba Campoi sobre a relación dos medios e os títeres na que participarán Xoan Carlos Riobóo, da revista Erregueté; Jorge Rey, titiriteiro que dirixiu a revista galega especializada en monicreques Bululú; e Lara Rozados, xornalista e investigadora teatral.
O conxunto da programación desenvolveranse respectando tanto as distancias coma os aforamentos, así como todas as medidas de seguridade pertinentes. A entrada realizarase, ademais baixo reserva e toda as incidencias ou variacións que se poidan producir actualizaranse a través da páxina do Concello de Rianxo.