Titiriberia comeza mañá a súa cuarta edición en Teo con Barriga Verde e unha mesa redonda sobre o monicreque tradicional
‘Titiriberia. Olladas sobre os cristovos’ estenderá entre o 9 e o 15 de novembro unha programación que inclúe funcións escolares, animación do campo da festa na Feira de Francos, mesas redondas, mostras e cursos de formación para profesionais
Santiago, 8 de novembro-. O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, comeza mañá sábado coa súa cuarta edición cunha función do espectáculo de ‘Barriga Verde’, da compañía Viravolta Títeres, e unha mesa redonda na Casa Grande de Cornide na que se reflexionará sobre o monicreque tradicional en Galicia e a corrente artística do títere de cachaporra.
Así, a programación comezará ás 18.00 h. no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18, Luou) con Barriga Verde, de Viravolta Títeres. Mesturando a tradición do títere galego coa europea, a montaxe presenta cinco situacións que Barriga Verde, coa axuda da súa cachaporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo, quen ve o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos. A obra está baseada na investigación que a compañía fixo sobre a figura de Barriga Verde e o títere tradicional galego. Preséntase coma un tributo ao Barriga Verde que os Silvent representaron por Galicia na primeira metade do século XX.
Xa ás 20.00 h., a Casa Grande de Cornide acollerá unha mesa redonda aberta para o público adulto xeral. Baixo o título Onde vai a cachaporra? Títeres tradicionais no panorama galego, membros das compañías participantes no evento con outros nomes do sector titiriteiro galego repasarán a situación do xénero no noso país e debaterán as posibilidades e problemas de integrar os monicreques nas programacións culturais de hoxe en día. Irene Vecchia, Topo Vidal e Os Monicreques de Kukas participarán neste encontro moderado pola titiriteira lalinense Pilar Álvarez Blanco.
Descarga o programa