Titiriberia abre a súa Barraca na Feira de Francos co espectáculo As varietés do Barriga Verde


Teo, 8 de novembro-. O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, continúa mañá coa súa programación para esta cuarta edición. Na véspera do San Martiño, o festival abrirá a actividade da súa xa habitual Barraca na Feira de Francos. Así, ás 21.30 h., dará comezo ‘As varietés do Barriga Verde’, un espectáculo conducido pola actriz Iria Pinheiro e co acompañamento musical do grupo Áureas. Ao longo da velada, Pinheiro encarnará ao seu personaxe Concha Cocos, unha famosa diva vida a menos, que actuará de anfitrioa e recibirá a audiencia co seu estilo decadente e cabareteiro. Así, a súa intervención servirá de fío condutor nun espectáculo no que se mesturarán música e teatro, intercalándose números de clown, escapismo e manipulación de obxecto a cargo de artistas e compañías como Pajarito, María Dobronich, Quinquilláns, Trécola e Títeres Alakrán.
No Día de San Martiño.

A actividade na Barraca de Titiriberia continuará o luns, día de San Martiño, a partir das 10.30 h.
coas compañías galegas Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía Indignati da Asociación
Galega de Commedia dell’arte, que se encargarán da animación de rúa e do campo da festa con
diferentes actuacións que servirán para chamar a atención do público. Ás 11.30 h., na propia
Barraca, chegará a quenda de Barriga Verde ataca de novo, espectáculo de Títeres Alakrán, e ás
12.30 h., a artista napolitana Irene Vecchia presentará a súa peza Pulcinella. A actividade na
Barraca completarase pola tarde xa co artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo
Lafontana que ofrecerá a partir das 16.00 h. un pase da súa peza Mamulengo Capiroto, que tamén
se poderá ver pola mañá nunha primeira sesión ás 10.30 h.