O programa Da barraca á aula incorpora novos centros na súa segunda edición
Centros de ensino de Rianxo, Cea, Présaras (Vilasantar) e Xunqueira de Ambía participan da segunda xeira deste proxecto didáctico sobre o títere tradicional
Malia á problemática derivada da pandemia de Covid-19, o programa didáctico Da Barraca á Aula está a desenvolver desde o primeiro trimestre deste curso 2020-2021 a súa segunda edición. A iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña nas actividades que se realizan no marco desta provincia, e do Ministerio de Cultura para a parte do programa que se realiza en Ourense, amplía nesta ocasión do seu alcance.
Deste xeito, os centros Ceip Adr Castelao, Cep Brea Segade, Ceip Ana Mª Diéguez, Cra Rianxo e Ies Félix Muriel de Rianxo continúan o labor que o ano pasado se desenvolveu en Teo. Cinefórum, obradoiros de construción e manipulación de títeres, conferencias, exposicións e outras iniciativas achegarán a alumnado e profesorado o mundo do títere tradicional galego.
Repite na iniciativa o CPI Virxe da Saleta de Cea, onde o seu alumnado continuará a iniciativa de desenvolver a súa propia compañía de títeres e pór en escena unha obra propia. O centro, que incorporou o programa ao seu plan didáctico afondará no seu coñecemento desta tradición con novos obradoiros e contidos específicos de apoios.
Como novidades, o IES de Xunqueira de Ambía e mais o CEIP de Présaras súmanse a esta iniciativa que pretende potenciar o títere como xeito de expresión artística e opción de ocio entre a mocidade, ao tempo que dá a coñecer a tradición galega neste campo, con Barriga Verde como principal representante.
O programa incorpora nesta ocasión novos contidos formativos, como obradoiros específicos para representar escenas de acción ou crear a escenografía para unha obra de títeres, e achegará contidos multimedia a través da rede para facilitar a adquisición de habilidades neste campo de xeito non presencial.