O Festival Titiriberia celebrará a súa quinta edición en Rianxo


O ‘Titiriberia. Olladas sobre o cristovos’, tras catro anos en Teo fomentando os títeres tradicionais na histórica Feira de Francos, vese na obriga de abandonar o municipio pola negativa da actual Concellería de Cultura de conservar a iniciativa. A nova xeira desenvolverase entre o 22 e 30 de decembro cunha programación que se poderá seguir integramente a través da súa emisión na rede

Martes , 27 de outubro de 2020.-  O Festival Titiriberia trasladarase a Rianxo tras a negativa do Concello de Teo a conservar esta iniciativa cultural que, durante catro anos, recuperou a histórica tradición das barracas e os monicreques na Feira de Francos. Cómpre subliñar que a decisión por parte da corporación municipal de suprimir o Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo, tomouse antes de anunciar a semana pasada a supresión da Feira de Francos e da declaración do novo estado de alarma. A actual Concellería de Cultura optara xa por prescindir deste proxecto escénico, do mesmo xeito que no último ano se decantou polo desmantelamento da actividade cultural do municipio, prescindindo por exemplo da residencia do Grupo Chévere. 

Malia todo, a Asociación Morreu o Demo só ten palabras de gratitude para o municipio teense e, en especial, cara á súa veciñanza que nestes anos acudiu e apoiou a programación que se centralizaba no Día do San Martiño, pero que se espallaba tamén nos centros de ensino e nos diferentes centros socioculturais. A organización de Titiriberia agarda no futuro regresen os monicreques á Feira de Francos, espazo natural e histórico deste xénero teatral. 

Nas catro edicións que se desenvolveron en Teo, Titiriberia achegoulle ao público deste municipio máis de 45 funcións a cargo de preto de 40 compañías e artistas, que amosaron o seu traballo en funcións para o público escolar, funcións para o público escolar, animacións de rúa ou na Barraca do Titiriberia, que realizou diversas sesións de varietés. Ademais, nestes anos, realizáronse diferentes exposicións, obradoiros e mesas redondas. Para este 2020, a organización ofreceulle á Concellería de Cultura realizar unha programación con todas as medidas de seguridade necesarias na situación pandémica, incluída a súa emisión pola rede. Non obstante, o goberno local declinou toda posibilidade. 

Por outra banda, a Asociación Morreu o Demo quere anunciar que está a preparar a que será xa a súa quinta edición, que este ano se trasladará a Rianxo para continuar co seu obxectivo de recuperar e dignificar o boneco tradicional, así como a súa longa historia. Entre os días 22 e 30 de decembro, Titiriberia organizará unha programación ideada para as actuais circunstancias, coas máximas medidas hixiénico sanitarias de protección tanto para o público coma para os e as profesionais da escena. Ademais, todas as funcións que se inclúan serán retransmitidas a través da rede para lle garantir o maior acceso posible ao público e poder así ter un encontro cos e coas espectadoras independentemente das restricións de aforos que se produzan nesa altura.