Barriga Verde no Museo da Marioneta
Tímpano da Barraca no Pazo de Liñares
O Museo Galego da Marioneta, que os nosos compañeiros de Viravolta Títeres xestionan no Pazo de Liñares (Lalín), acaba de inaugurar unha nova sala dedicada en exclusiva á historia de Barriga Verde.
Neste novo espazo amósanse ao público de xeito permanente varias das pezas orixinais da barraca e do espectáculo que José Silvent e a súa familia levaron por feiras e festas de todo o país durante boa parte do pasado século. Este material, que foi cedido en depósito pola familia de Alfonso Silvent, fillo de José, fixo parte da nosa exposición Barriga Verde. De feira en feira.
En concreto, na sala pode verse o tímpano orixinal da última barraca da familia Silvent, o Teatro Melodías de España. Da mesma barraca amósase o despacho de billetes, reconvertido máis tarde pola familia nun rebobinador para películas de cinema. Neste elemento pódense observar os danos causados por un dos incendios que destruíron boa parte do legado material de José Silvent.
Tamén se expón un xogo completo dos bonecos empregados no espectáculo de Barriga Verde, no que se mesturan pezas talladas polo propio José Silvent con outras, (máis traballadas e con ollos de vidro), de autor descoñecido. Bonecos todos eles restaurados por Alfonso Silvent. Canda a estes, xogos de cabezas e de mans de bonecos de menor tamaño talladas posiblemente polo propio José para representar personaxes secundarias nas obras.
Ademais, hai tamén pezas que dan testemuño dunha variante pouco representada da obra, aquela na que Barriga Verde descobre América. Desta complexa montaxe que precisaba varios manipuladores poden se ver dous barcos e un peixe xigante.