Un 2015 de Barriga Verde
É certo que estivemos ben enleados ultimamente, e chegamos a marzo sen botarmos a vista atrás. Mais pensamos que fai falla compilar o traballo feito, de xeito que repasamos o que deron de si estes últimos 12 meses no que á nosa actividade arredor de Barriga Verde se refire.
- Comezamos o ano coa nosa grande exposición Barriga Verde. De feria en feira no Museo do Pobo Galego. Desde aquela, a mostra pasou polo Museo Galego da Marioneta de Lalín, polo Pazo da Cultura de Pontevedra e mais pola Igrexa da Madalena de Ribadavia, sumando máis de 11.000 visitas en todas as súas paradas.
- A exposición, e todas as súas actividades paralelas, ocuparon boa parte do labor da asociación ao longo do ano. E é que de xeito paralelo a esta itinerancia, desenvolvemos, grazas á colaboración desinteresada dun excelente grupo de colaboradores e activistas (que, como nós, queren revivir con forza o noso títere favorito), un completo catálogo da exposición, con 165 páxinas cheas de interesantísimos contidos.
- Unha das novas do ano foi para nós a estrea de Barriga Verde ataca de novo, a versión que Borja Ínsua, de Títeres Alakrán, realizou da obra clásica dos Silvent. E foi tamén toda unha ledicia incorporarmos a Borja á nosa asociación e sumarmos así esforzos pola recuperación do títere tradicional.
- Así pois, o traballo de Alakrán por unha banda e de Viravolta por outra fixo posible que houbese en 2015 un bo feixe de representacións de Barriga Verde por todo o país. Varias sesións en Santiago de Compostela (entre elas unha no festival Galicreques), Lérez, Brión, Tameiga, Mos, Pol, Vilatuxe ou Lalín puideron ver en acción o Rei da Cachaporra.
- Ademais, houbo proxeccións do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, conferencias, presentacións de publicacións e obradoiros.
- Non podemos esquecer a presenza de Barriga Verde no Festival Nortíteres e mais na Feira do Libro de Guadalaxara, en México, da man de Borja Ínsua. Representacións, proxeccións e presentacións do proxecto deron a coñecer a nosa tradición titiriteira da outra banda do Atlántico.
- No web, publicamos dúas novas pezas audiovisuais e recuperamos dúas publicacións pioneiras sobre a familia Silvent.
O ano 2016 comezou intenso, con moitos proxectos. Á marabillosa nova da tese de Comba Campoy sobre Barriga Verde, primeira feita no mundo sobre o noso títere tradicional, contrapúxose a nosa preocupación pola recente detención de dous titiriteiros en Madrid.
Seguimos cun bo feixe de proxectos para 2016, abertos colaboracións e co noso catálogo de actividades para a difusión do títere tradicional plenamente activo. Daremos que falar nos vindeiros meses, no no dubidedes!!!