Barriga Verde en 2017

O ano 2017 estivo marcado en grande medida pola proxección internacional do nos títere internacional favorito. Dentro das actividades nesta liña, é de destacar a presenza en diferentes festivais ibéricos e internacionais e mais a tradución das nosas exposicións. Barriga Verde continúa a chegar a novos públicos e a se asentar como unha parte imprescindible da nosa cultura.

  • Exposición Barriga Verde. De feira en feira, no Topic de Tolosa, desde marzo ata outubro, estreamos versión en castelán  (e en euskera) da nosa grande mostra, ademais dun novo catálogo en castelán e inglés.  Un total de 7.830 visitantes coñeceron o mundo as feiras e dos títeres galegos no principal museo dedicado ao títere no Estado. Con estas cifras superamos as 18.000 que viron as mostras nas súas diferentes paradas.
  • Títeres Alakrán foi o responsable de levar a súa versión de Barriga Verde a festivais internacionais. Así, participou no III Festival Internacional Titinerantes del Desierto de Atacama e realizou representacións en Santiago de Chile.
  • Tamén tivemos Barriga Verde no Festival de Títeres de Sevilla, con obra a cargo de Alakrán, proxección do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, e a exposición Onde foi Barriga Verde? con cartelas en castelán, que temos dispoñibles para interesados.
  • Titiricuenca e Barcelona recibiron tamén o traballo de Alakrán en diferentes funcións.
  • Mandamos unha réplica do Barriga Verde que custodiou Alfonso Silvent na súa casa de Lérez a Barcelona, de novo da man de Alakrán, para un emigrante que lamentaba non ter visto a obra na súa infancia.
  • Máis preto de nós, Viravolta Títeres levou a Barriga Verde a Pol,  Compostela, Vilatuxe e Lalín mentres Alakrán tivo actuacións co personaxe en Cangas, Compostela, O Valadouro e Cee.
  • Artellamos a segunda edición de Titiriberia. O festival deu un paso de xigante ao incorporar os títeres de volta á programación da Feira Cabalar de Francos. Ringleiras de xente e cheos absolutos amosan o interese do público polo xénero. Ademais, contamos coa presenza de titiriteiros de Portugal, Francia e Italia.
  • No marco da nosa iniciativa de recuperación da memoria, gravamos e publicamos vídeos con testemuños sobre Barriga Verde e as festas de Padrón, Compostela e Muxía.
  • Recuperamos a historia da recuperación de Barriga Verde no noso web. 
  • Desenvolvemos unha interesantísima colaboración coa residencia As dores de Lalín. Obradoiros, a exposición Onde foi Barriga Verde?, representacións e recollida de memorias amosaron o potencial dos títeres para traballar a dinamización e activar a memoria na terceira idade.
  • Tamén en Lalín desenvolvemos obradoiros de Títeres en Igualdade con diferentes centros de ensino.
  • En Allariz, tivemos tamén obradoiros e a expo Onde foi Barriga Verde?, e pode verse na actualidade no Pazo de Liñares.
  • Sacamos un calendario para 2017, e outro para 2018, que meteu a Barriga Verde en moitas casas!
  • E aínda temos pendentes de tirar á luz uns cantos proxectos, entre eles máis audiovisuais, que están a nos dar moito traballo!

Fóra do noso traballo directo, Títeres Cascanueces continuou coa súa aposta polo personaxe e este ano puxo en escena dúas novas obras con el de protagonista, <i>O baúl de Barriga Verde</i> e <i>A festa de Barriga Verde</i>, que xa estivo a representar en diferente localidades do país. As montaxes súmanse a aquelas que xa tiña a homenaxear o noso títere tradicional e amosan a vitalidade que presenta  recuperación deste patrimonio para as táboas.