Santi Prego leva a Barriga Verde ás universidades de Europa

Santi Prego, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e colaborador do Proxecto Barriga Verde, anda a facer un tour europeo a falar do noso títere tradicional favorito. O Porto e Estambul foron as últimas paradas dun periplo no que deu a coñecer as peculiaridades de Barriga Verde en comparanza cos personaxes de tradicións titiriteiras irmás. Dublín e Londre recibiron tamén a visita deste embaixador, que atopou en todos estes lugares unha grande acollida e algúns problemas compartidos.

Cartel da visita de Santi Prego a Estambul

 

Segundo el mesmo explica “En Porto acolleume nas suas aulas Marcelo Lafontana, o cal foi para min un luxo, porque son un grande admirador do seu traballo. Ali estaban tamén outros profesores como Roberto Merino, o xefe do departamento de teatro da ESAP. Todo tiña sentido porque Barriga Verde chegou de Portugal. Foi unha sesión moi rica e productiva”.

 

 

 

 

 

 

 

 

Pola súa banda,  “No departamento de teatro da Universidade de Estambul non imparten títeres. Presentar o proxecto BV aos alumnos de teatro de Beykent University resultou moi pertinente, xa que en Turquía as formas tradicionais de teatro estanse a perder, e isto entra nun contexto xeral no que a identidade propia ten ás veces menos prestixio que a identidade global. Na quenda de preguntas un alumno quixo saber se a xente botara de menos a BV cando desapareceu nos anos 60’. Eu díxenlle que non. BV desaparece porque xurde unha industria cultural que resulta moito máis sedutora e moderna, non so para o público, senón tamén para os propios oficiantes (e por máis motivos como a prevalencia da cultura urbana sobre a rural, entre outros). Dalgún xeito, BV cheiraba a miseria. E aquí -comenteilles- entra a nosa responsabilidade ética coma traballadores da cultura. O meu fillo de 12 anos só quere comer fast food kebab. Pero a miña responsabilidade ética como pai esixe que eu force a meu fillo a probar outras comidas dun país que tem unha cultura gastronómica riquísima. A anécdota remata con que cando fomos comer a profesora Tugçe e mais eu ao comedor da Universidade, a profesora sinaloume outro lugar onde había moitos máis estudantes comendo. Os estudantes prefiren comer fast food, díxome cun sorriso resignado”.

Santi Prego en Estambul