Barriga Verde chega ao Museo Topic de Tolosa

Montaxe de De feira en feira no Topic

Montaxe de De feira en feira no Topic


A exposición
Barriga Verde, de feira en feira, poderá verse ata o vindeiro 8 de outubro neste centro de Guipúscoa

A coincidir coa celebración do Día Internacional das Marionetas, o 18 de marzo, o Centro Internacional do Títere de Tolosa, Guipúzcoa (Topic polas súas siglas en inglés), principal espazo dedicado á arte dos títeres a nivel estatal, inaugura a exposición Barriga Verde, de feira en feira. A Asociación Cultural Morreu o Demo leva así por vez primeira fóra de Galicia a súa grande mostra sobre o noso títere popular, que xa recibiu máis de 10.000 visitantes durante o seu percurso polo noso país.

Ata o vindeiro 8 de outubro, as persoas que se acheguen ao museo poderán coñecer o títere tradicional galego máis lembrado. A exposición recupera por vez primeira para o público bonecos e pezas orixinais coas que a familia Silvent levou o personaxe de Barriga Verde por festas, vilas e aldeas de toda Galicia durante medio século. Ademais, fai unha introdución ao mundo das feiras a atender aos seus valores culturais, comerciais, sociais ou gastronómicos, e repasa a evolución e as conexións internacionais do títere protagonista.

Precisamente, unha selección de pezas achegadas polo Topic  á exposición permite facer un percorrido polos parentes europeos do noso Barriga Verde. Bonecos orixinais de Punch, Pulchinella, Guignol, Don Roberto ou Petrushka poñen en evidencia as similitudes entre a extensa familia internacional de títeres de cachaporra, da que fai parte o personaxe galego.

A exposición, que presenta a súa versión en castelán, euskera e inglés neste centro, inclúe tamén elementos multimedia como música habitual nas feiras galegas de mediados do século XX ou o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta. A intención da Asociación Morreu o Demo é que este sexa o comezo dun percurso que leve a mostra por fóra do noso país e dea a coñecer o importante legado titiriteiros que co que contamos en Galicia.

Segundo explica a presentación da mostra no web do Topic “aquí está a proba de que Barriga Verde non morreu de que segue a espertar en nenos e maiores unha serie de sentimentos que só se explican no preciso momento da representación da representación, cando Barriga Verde agarra a súa vara”.

Barriga Verde, de feira en feira, compleméntase coa exposición Panorámica do títere galego despois de Barriga Verde. Esta mostra percorre a traxectoria das compañías profesionais de títeres que comezaron a aparecer en Galicia a partir dos anos 70 e que colleron o testemuño desta arte no país. Unha escolma de carteis dos fondos do Museo Galego da Marioneta, situado en Lalín, explica a evolución dos traballos dos titiriteiros galegos.

Barriga Verde foi o títere por excelencia de Galicia entre os anos 10 e 60 do século pasado. Os membros da familia Silvent foron os encargados de levar por todo o país este personaxe, deixando unha fonda pegada na memoria de moitas persoas con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta” coa que remataban os espectáculos. Desde 2013, a Asociación Cultural Morreu o Demo traballa para reivindicar este patrimonio mediante accións divulgativas, publicacións, exposicións ou iniciativas como o festival Titiriberia, primeiro evento deste tipo dedicado aos títeres tradicionais a nivel estatal.

bv_topic2