Unha introdución

Non coñeces aínda Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos? Este é un festival que organiza desde 2016 a Asociación Cultural Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Teo e o apoio da Deputación da Coruña en Teo, ao carón de Compostela. O evento, único festival dedicado aos títeres tradicionais do Estado, quere dar a coñecer a tradición titiriteira ibérica e internacional da que fai parte o personaxe de Barriga Verde, como o seu representante último e máis coñecido en Galicia, e as súas profundas conexións coa tradición europea. Ademais, quere servir como punto de encontro para todas as persoas, profesionais e afeccionados, que queren recuperar a memoria deste espectáculo así como o traballo de feirantes e titiriteiros que durante anos foron unha parte fundamental do ocio e que se asentaron como parte do imaxinario común do país.

En Titiriberia vas atopar moitos paos. A tradición titiriteira europea está artellada en grande medida en base ao chamado títere de cachaporra. Personaxes como Pulchinella, Guignol, Kasper, Punch, Dom Cristóval, Os Robertos ou, por suposto, Barriga Verde, estiveron durante séculos a percorrer feiras e festas do país a bater no demo, na morte, nos curas, nos touros ou nos crocodilos. En países como Italia, Reino Unido, Francia ou Chequia estes personaxes son xa parte do patrimonio nacional e actúan habitualmente diante de grandes e pequenos, en ocasións a contar coa súa propia xornadas de celebración anual.

Co festival queremos reivindicar este patrimonio internacional e a contribución galega ao mesmo, o sempar Barriga Verde. Canda a recreacións das obras clásicas que fixeron destes personaxes un clásico inmorredoiro, o festival achega novas versións e interpretacións dos títeres de cachaporra. Titiriteiros de toda a Península e visitantes doutras tradicións europeas danse cita no evento, que se complementa con mesas redondas, proxeccións e outras actividades.

Ademais poderías gostar de...