Exposición e guía didáctica: Onde foi Barriga Verde?

Panel 2: Onde foi Barriga Verde?
A AC Morreu o Demo pon a disposición de centros de ensino, bibliotecas e espazos culturais en xeral a exposición Onde foi Barriga Verde?. Unha proposta didáctica que amosa en 9 atractivos paneis e cunha linguaxe sinxela os puntos básicos do personaxe, a súa relación cos títeres europeos ou a historia dos Silvent.

Panel 9 de Onde foi Barriga Verde?

A exposición pretende animar o visitante a reflexionar, a partir do esquecemento da figura de Barriga Verde en apenas 40 anos, sobre a perda do patrimonio inmaterial. A transmisión interxeracional, a perda de identidade e a importancia de manter referentes propios que se poden reelaborar e recrear son temas que complementan a propia historia de Barriga Verde e da familia Silvent.
A mostra retrotráenos ao comezo das investigacións actuais sobre Barriga Verde, salientando a escaseza de material existente sobre a figura e amosando o seu proceso de esquecemento. As conexións europeas dos lances do personaxe, a situación actual deste legado ou o mundo das feiras e a súa evolución son temas que tamén se abordan nunha linguaxe sinxela e complementados con ilustracións, mapas e fotografías.
Ademais, o discurso expositivo sitúase no punto de partida do actual proceso de recuperación do personaxe. Con este fin, déixanse abertos moitos dos contidos e saliéntase a falta de información que existe en varios casos.

A mostra conta cunha guía didáctica na que se propoñen actividades para diferentes idades. A linguaxe, a historia, a expresión artística ou os procesos de recuperación de memoria son algúns dos ámbitos que se propoñen. Desde a elaboración de títeres ata análises sobre as formas de lecer de diferentes xeracións, hai actividades para todas as idades e intereses.

▶ A partir de 11 anos
▶ 9 paneis de lona de 100x150cm a toda cor
▶ Non-autoportables, con enganches para pendurar

Guía Didáctica: Onde foi Barriga Verde?
Descarga aquí a Guía didáctica da exposición Onde foi Barriga Verde?

Guía didáctica en alta resolución (para imprimir, 44mb)

1 resposta

A %d blogueros les gusta esto: