Barriga Verde en México

nortiteres-web
O Festival Nortíteres, que se desenvolve desde o pasado 21 de novembro e ata o 6 decembro, achegará por vez primeira ao público mexicano a historia de Barriga Vede. Títeres Alakrán representa no marco deste evento nada menos de oito funcións da súa interpretación do títere tradicional galego máis famoso. Ademais, Borja Ínsua levará tamén o seu Barriga Verde ataca de novo á Feira Internacional do Libro de Guadalajara, onde realizará dous pases da obra.

A primeira das actuacións celebrouse en Sinaloa, e o festival continúa por Sonora e Jalisco. No seu percurso, Ínsua leva na maleta tamén as publicacións da AC Morreu o Demo, para dar a coñecer por terras mexicanas o noso proxecto de reivindicación deste popular personaxe.

Segundo lembra Alfonso Silvent,  para o Centro Galego de México DF enviáranse no seu día fotografías da barraca tradicional de Barriga Verde, mostra da lembranza que tiña deste títere tamén a comunidade emigrada.