Un novo Barriga Verde sae a escena
Títeres Alakrán estrea Barriga Verde ataca de novo, a súa propia versión da popular obra
Outro Barriga Verde comeza a percorrer os escenarios do país. Borja Ínsua, de Títeres Alakrán, achégase á mítica obra que popularizou por todo o país José Silvent e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.
Para esta produción, que se desenvolveu de xeito independente á Asociación Cultural Morreu o Demo, Borja elaborou un protagonista a imaxe e semellanza dos bonecos que conserva Alfonso Silvent en Lérez e que empregaba o seu pai José. “Decidín facer o títere igual o que usaban os Silvent, é unha pequena homenaxe, e penso que lles fará ilusión. O demo a morte son deseños meus tallados en madeira”.
En canto a contidos, o espectáculo revisará algúns dos números máis clásicos de Barriga Verde. “Farei o portugués, o xogo da pelota ou a corrida de touros. Ao facelo todo eu só, teño que adaptar a dramaturxia, porque un número como o enterro precisa de tres manipuladores”, lembra. O espectáculo non fará concesións á corrección política, e non faltarán os golpes que definen este xénero de títeres. “A cachiporra vén sendo a lingua do movemento dos paus os nenos entran a trapo niso. Esta é unha estrutura que xeralmente vale tanto para maiores como para pequenos”.
Como principal novidade, Borja achega un contexto, este si contemporáneo, no que se desenvolve a representación. El mesmo interpretará un negociante que tenta vender o seu teatriño de títeres, con bonecos e todos. Un empresario de importancia mundial mércalle o lote, pero a condición de que lle faga unha última función. E aí comeza a representación.
O espectáculo preséntase en primicia o vindeiro 27 de marzo ás 22 horas na Arca de Noe, en Vilar de Santos, Ourense. Títeres Alakrán ten aberta a contratación para vindeiras funcións. Os interesados poden contactar a compañía en borxainsua@gmail.com – Teléfono 616450490.
Desde a Asociación Cultural Morreu o Demo queremos darlle unha cálida benvida a esta iniciativa de recuperación do noso títere predilecto e desexámoslle á compañía a mellor das sortes.
Ogallá cunda o exemplo e axiña poidamos ver máis Barrigas Verdes que, sumados ás propsotas de Viravolta e de Alakrán, percorran o país.
Benzóns!