Visitantes ilustres para “De feira en feira”

Pulcinella

Pulcinella

A exposición Barriga Verde, de feira en feira, aberta ata o 15 de outubro na Sala de Exposición do Pazo de San Marcos (Lugo), recibe a partir de mañá unha serie de ilustres visitantes. Recén chegados de Lisboa, onde estaban a participar noutra exposición sobre o mundo do títere, unha colección de monifates do Centro Internacional do Títere de Tolosa  incorpórase ás pezas da mostra.

Exemplares orixinais de títeres históricos permitirán aos visitantes coñecer o aspecto real dos parentes continentais de Barriga Verde. A máscara negra do Pulcinella, o sombreiro cónico de Punch, as corcobas de Polichinelle, a seriedade do Don Cristobal ou a sinxeleza de Kasperl son algunhas das peculiaridades que se poderán ver en pezas auténticas chegadas de toda Europa. Toda unha variedade de formas e de nomes baixo as que se agocha un argumento único e universal que a familia Silvent popularizou en Galicia co seu espectáculo Barriga Verde.

En paralelo á mostra, e dentro da programación das festas do San Froilán, Viravolta Títeres ofertará unha sesión do espectáculo Barriga Verde. O Patio do Seminario acollerá ás seis da tarde do  vindeiro martes a versión coa que esta compañía rescatou do esquecemento a obra clásica dos Silvent. O Barbeiro, o Touro, o Crego, Rosita e, como non, Barriga Verde, voltan ao San Froilán para continuar unha tradición de décadas.

Petruska

Petruska

Ademais poderías gostar de...