Viravolta presenta o Barriga Verde de Manuel María
O vindeiro 17 de setembro a Praza de Galicia de Lalín acollerá a estrea de Barriga Verde de Manuel María. Viravolta Títeres achega a súa versión do texto do poeta chairego no ano en que se lle dedica o Día das Letras. Con esta iniciativa, ademais de honrar o autor e a compañía quere salientar o interese que os títeres populares espertaron entres a intelectualidade do país, que durante anos foron consciente de que Barriga Verde foi practicamente a única expresión escénica na nosa lingua que existíu en todo o país.
O proxecto, que conta co apoio da Fundación Manuel María, íntegrase no proxecto que desenvolve a Asociación Cultural Morreu o Demo para recuperar o noso títere tradicional. Segundo explica a compañía, a obra que agora se presente é unha “Farsa sobre o “asunto amoroso” en 3 tempos dunha moza casadeira, A Moza, pretendida por O Galego e O Serrador onde as palabras están cargadas de dobre sentido. A resolución dos conflitos entre os personaxes é a xeito das farsas de títeres de cachiporra”.
Diálogos como “¡Esta pola moza! ¡Esta vai por min! ¡Pom!, ¡Pom!, ¡Pom!. ¡Pim!, ¡Pim!, ¡Pim!.” Danos unha idea do espírito da obra. Como curiosidade, cabe sinalar que nesta ocasión Barriga Verde non actúa como protagonista, senón que toma o rol dun padriño do heroe, a quen axuda a resolver os conflitos que van aparecente. Canda a el, personaxes clásicos como o Demo, a Moza ou o Touro están presentes na representación.
Barriga Verde publicouse por primeira vez en 1968 na colección O Moucho. Inspirado no teatro de guiñol do mesmo nome que a familia Silvent levaba polas feiras, o texto de Manuel María preséntase como unha elaboración culta dun tema popular á maneira de Lorca co Retablillo de Don Cristóbal, de Valle Inclán con Los Cuernos de Don Friolera ou Blanco Amor con Amor e crimes de Juan El Pantera.
Esta versión de Barriga Verde foi levada a escena en numerosas ocasións, na maior parte das ocasións a empregar actores. A única versión ata a actualidade realizada con marionetas (de luva) chega no ano 1980 das mans de Os monicreques de Kukas.
Desta volta, a versión de Viravolta utiliza por vez primeira marionetas de mesa, sendo a única existente na que o popular personaxe non é representado con títeres de luva. Como escenario, a compañía creou un retablo que recrea a barraca de José Silvent.
O proxecto contou co asesoramento e a colaboración na produción da AC Morreu o Demo.