Unha reflexión sobre o lugar do títere tradicional
A canle de Youtube da Asociación Cultural Morreu o Demo incorpora, en dous vídeos, a gravación da mesa redonda que se celebrou o pasado 9 de novembro no marco do Festival Titiriberia.
Este encontro, no que participou un bo feixe de profesionais do mundo titiriteiro do país, quería convidar á reflexión sobre o lugar que o títere tradicional ocupa no panorama galegos dos monicreques. As posibilidades e problemas da súa integración nos repertorios das diferentes compañías e nas programacións culturais de hoxe abordáronse da man de Irene Vecchia, titiriteira napolitana, Xosé Vidal Topo, director de escena e Doutorado no Teatro de Obxectos de Galicia, e Os Monicreques de Kukas, moderados pola titiriteira Lalinense Pilar Álvarez Blanco. Con esta actividade integramos na actividade do festival a Casa Grande de Cornide. Este establecemento de Turismo Rural foi no seu día casa do republicano e libreiro Manuel Tarrío, que se tivo que exiliar logo do golpe fascista de 1936, e con esta proposta quixemos recuperar para a actividade cultural un espazo de especial significancia en Calo.
O encontro deu pé a un animado debate que se recolleu, na medida do posible por mor de limitacións técnicas, na gravación que agora presentamos.
Titiriberia desenvólvese co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e o Concello de Teo.
O vídeo é posible grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.