Unha parada imprescindible: De feira en feira no Museo Galego da Marioneta
Non podía faltar. O recentemente reinaugurado Museo Galego da Marioneta é a nova parada da exposición Barriga Verde, de feira en feira.
O Pazo de Liñares, en Prado, Lalín, albergará desde o 29 de xaneiro ata o 31 de marzo as pezas das mostra que xa visitou Lugo e Compostela con grande éxito de crítica e de público. A Asociación Cultural Morreu o Demo non podía perder a ocasión de levar as pezas orixinais cos que a familia Silvent percorreu durante tantos anos Galiza a este centro pioneiro onde se homenaxea o traballo dos titiriteiros.
Así, os visitantes que se acheguen a este emprazamento único, terán a ocasión de completar a visita Barriga Verde, de feira en feira coa exposición permanente do Museo. Centos de pezas exemplifican as diferentes modalidades de títeres segundo o seu manexo e amosan tamén a variedade da arte dos bonecos por todo o mundo. Exemplos de África, Asia e, por suposto Europa permiten unha comprensión máis fonda e complementan de xeito ideal os contidos da mostra da AC Morreu o Demo.
Ademais, por suposto, as múltiplas actividades que recolle o museo na súa programación habitual supoñen un incentivo máis para achegarse á visita que, como sempre, inclúe os xogos das feiras, o set do fotógrafo de a minuto ou o teatriño para xogar.
Barriga Verde, de feira en feira está tamén dispoñible neste mesmo web na súa versión en liña.