Unha homenaxe recoñece o labor de José Silvent pola lingua galega

A parroquia pontevedresa de Lérez acolle, este 26 de abril, unha homenaxe que recoñece a importancia que José Silvent Barriga Verde tivo para a lingua galega. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, coas colaboracións da Asociación Cedofeita, Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, e a contar ademais coa presenza da Asociación Cultural Morreu o Demo, celebra un acto de Restauración da Memoria Lingüística na Casa da Cultura de Lérez coa participación de varios oradores e ambientación musical a cargo de Os Chispas do Lérez.

O evento inclúe unha mudanza da lápida de José Silvent por unha escrita en galego, cun epitafio que reza “Aquí xacen na súa paz Emerenciana Fernández Gómez e José Silvent, o mítico Barriga Verde, que levaron o seu espectáculo de monicreques feito en galego pola Galicia do século XX. Honras para eles!”. Canda a isto, na porta do cemiterio instalarase unha placa de agradecemento aos devanceiros da parroquia “porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.

Este acto salienta a importancia que a familia Silvent tivo para a lingua a cultura do noso país, ao ser un exemplo único de espectáculos escénicos en galego durante o franquismo. As funcións de títeres que artellaban os Silvent na súa barraca desenvolvéronse sempre na nosa lingua malia ás presións e á censura imperante na época, e o seu labor foi sá recoñecido no seu día por intelectuais como Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Raimundo García Domínguez Borobó.