Un novo libro recupera a presenza de Barriga Verde en prensa
Xaime Iglesias, membro fundador a Asociación Cultural Morreu o Demo e autor da biografía José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde acaba de tirar do prelo unha nova publicación dedicada ao títere máis popular do noso país.
Desta volta, integrada na colección “San Froilán dos devanceiros” que publica anualmente o Concello de Lugo a coincidir coas festas grandes da Cidade da Muralla, este investigador presenta a maior compilación realizada das aparicións en prensa de Barriga Verde ao longo do século XX. Barriga Verde na prensa recolle nada menos que cen textos xornalísticos dedicados ao personaxe e mais aos titiriteiros que lle deron vida, da man de plumas destacadas como Borobó, Vicente Risco, Ricardo Outeiriño ou Trapero Pardo entre moitos outros.
Iglesias compilou artigos aparecidos en prensa desde 1914 ata 2005, cando apareceu en prensa unha serie de artigos del mesmo sobre a presenza de Barriga Verde nas Festas da Peregrina de Pontevedra. Segundo explica “O máis antigo de todos atopeino en La Voz de Galicia, e resulta moi interesante porque se di que lle conceden a José Silvent permiso para instalar unha barraca en terreos do Porto da Coruña. Se pensamos que Silvent comezou a súa actividade en Galicia en 1910 cun macuto no que levaba os bonecos e unha saba que tendía para empregar como escenario, tivo que ter un éxito moi rápido para contar cunha barraca, aínda que fose de lona, só catro anos despois”. Aínda que sen achegar grandes revelacións sobre a historia deste títeres tradicional, Iglesias sinala que “algúns dos artigos achegan unha pequena información de onde estivo actuando, e achegan contexto para apoiar o relato da traxectoria de Barriga Verde en Galicia. Hai moitas frases de eloxio que resultan interesantes porque amosan a aceptación que tiña o espectáculo”.
Os artigos xornalísticos preséntanse acompañando dunha breve explicación do espectáculo que os Silvente levaban polas feiras e mais unha introdución á historia desta familia de titiriteiros.