Titiriberia ofrecerá durante a súa 11ª edición unha trintena de actividades escénicas entre funcións teatrais, exposicións e palestras
Entre os días 18 e 23 de agosto, Titiriberia ofrecerá o seu cartel de espectáculos con compañías galegas, portuguesas, aragonesas, andaluzas, vascas, catalás e leonesas
O cartel de espectáculos arrincará o martes 18 de agosto coa nova edición do espectáculo de rúa ‘A festa dos títeres’ e a inauguración oficial da mostra no Auditorio de Rianxo que repasa corenta anos da histórica compañía galega Tanxarina

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrará en Rianxo este verán a súa undécima edición. A programación de espectáculos celebrarase entre os días 18 e 23 de agosto cun cartel que incluirá compañías galegas, portuguesas, aragonesas, andaluzas, catalás, leonesas e vascas. O festival ofreceralles tanto ao público rianxeiro como aos visitantes que estean na localidade nestas datas estivais unha trintena de actividades escénicas. De todas elas, 27 serán espectáculos cuxas funcións se repartirán por diferentes puntos da xeografía rianxeira. Explicárono así en rolda de prensa o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a presidenta da asociación Morreu o Demo, Comba Campoi.
Titiriberia, nesta edición de 2026, manterá a súa aposta por descentralizar a programación e levará espectáculos máis alá dos dous grandes epicentros nos que se desenvolverá o groso do cartel: o Campo de Arriba e o Auditorio. Deste xeito, diferentes lugares como Taragoña, Leiro, Araño, Isorna ou a Praia de Tanxil converteranse en escenarios dun festival que, neste 2026, reúne algunhas das compañías máis veteranas do teatro galego de monicreques. Os Monicreques de Kukas, Viravolta, Tanxarina e Trécola, todas elas formacións que superan os corenta anos de historia, pasarán polo festival. As dúas últimas centran senllas exposicións. Trécola protagoniza a mostra que, un ano máis, se instala nos escaparates de diferentes comercios adheridos á Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), mentres que Tanxarina exhibe monicreques da súa creación ao longo de catro décadas de carreira profesional no Auditorio Municipal de Rianxo.
Dez estreas
O festival ofrecerá un total de dez estreas e todas elas correrán a cargo de compañías galegas. Viravolta abrirá a programación, xunto a Títeres Alakrán e Vai de Roda, o martes 18 de agosto ás 12.00 horas coa nova versión da obra A festa dos títeres. Ese mesmo día, entre ás 18.00 e ás 19.30 horas, Trécola estreará Treco-lerias. A xa citadaAlakránpresentará a súa nova montaxe o venres 21 ás 21.30 horas no Auditorio de Rianxo: A rosa de papel, unha adaptación ao teatro de monicreques do texto homónimo de Valle-Inclán.
A compañía Seisdedos, pola súa banda, presentará dous espectáculos en Titiriberia: Mamulengo galego, que se dará a coñecer o mércores 19 ás 11.00 horas en Campo Maneiro, Taragoña, e Cantar do ano, que se representará o xoves 20 ás 19.00 no Campo de Arriba. Babaluva estreará unha coprodución co festival, Retratos de verán, unha peza creada para as caixiñas Lambe-Lambe, espectáculo de pequeno formato pensado para un ou dous espectadores. Os monicreques de Kukas tamén estrearán dúas pezas neste formato Lambe-Lambe: Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o Barco e máis nós. Estas tres pezas poderán verse en varios pases as 18.00 e as 20.00 horas o día mércores 19.
A histórica formación teatral Airiños volve colaborar co festival Titiriberia e estreará o sábado 22 ás 19.00 horas Retrincos: Sabela e Peito Lobo, adaptación teatral destas dúas historias que forman parte da obra de Castelao Retrincos. Finalmente, o encontro ofreceralle ao público As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades que edición tras edición reúne no escenario a multitude de artistas cos seus números. Celebrarase o sábado ás 22.00 horas no Campo de Arriba.
O cartel complétase con compañías procedentes de Portugal (SA Marionetas), Aragón (Titiriteros de Binéfar), Cataluña (Toni Rumbau), Euskadi (Zurrunka Teatro & La Semilla Voladora e El tenderete), Andalucía (Colectivo lobishome) e Castela e León (Rosa Encinas).
Formación
Cada ano, Titiriberia ofrece —tanto ao sector profesional como ao público afeccionado aos títeres— cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de Títeres Barriga Verde. Este ano impartirá un curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. Desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto e xestiónase a través do correo electrónico info@barrigaverde.eu.

RSS: Entradas