Titiriberia encherá de tradición e monicreques a Feira de Francos no día de San Martiño

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, continúa mañá coa súa programación para esta cuarta edición. Mañá luns, no día San Martiño, o festival continuara a actividade da súa xa habitual Barraca na Feira de Francos. Así, ás 10.30 h. as compañías galegas Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía Indignati da Asociación Galega de Commedia dell’arte, que se encargarán da animación de rúa e do campo da festa con diferentes actuacións que servirán para chamar a atención do público.

Xa Ás 11.30 h., na propia Barraca, chegará a quenda de Barriga Verde ataca de novo, espectáculo de Títeres Alakrán no que se reinterpreta a obra clásica cun único manipulador para percorrer os números máis famosos do mítico Barriga Verde, desde a tourada ao militar, pasando polo enterro ou a sempre elegante aparición do demo. Unha hora máis tarde, ás 12.30 h., a artista napolitana Irene Vecchia presentará a súa peza Pulcinella. Na función, Vecchia amósanos un dos mellores exemplos existentes dos guaratelle napolitanos, tradición titiriteira con cinco séculos de existencia á que se remonta a orixe de barriga verde. O protagonista, un ser libre con voz máxica, renova en escena o eterno conflito entre o ben e o mal.

A actividade na Barraca completarase pola tarde xa co artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana que ofrecerá a partir das 16.00 h. un pase da súa peza Mamulengo Capiroto. A obra, cun alto compoñente de improvisación, baséase na interacción constante co público con grandes doses de música e danza. Lafontana ofrecerá un primeiro pase de Mamulengo Capiroto ás 10.30 h.