Titiriberia despide a súa cuarta edición en Calo coa obra Juego de Polichinelas


O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación
Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, chega este venres, 15 de novembro, ao seu final no municipio teense cunha última representación para ao público xeral. Será ás 18.00 h. no local da A.C.R. San Xoán de Calo e correrá a cargo da compañía segoviana La Pícara Locuela, que representará o seu espectáculo Juego de Polichinelas.

Trátase dun espectáculo tradicional inspirado nos guaratelle napolitanos. O personaxe de Polichinela é o heroe popular que fai xustiza a golpe de cachaporra e faise a voz do pobo sobre o escenario. Un ritmo vertixinoso e unha coreografía vigorosa actualizan este clásico, coa peculiaridade ademais de apostar por un personaxe feminino. Atopamos así a única heroína popular castelá deste tipo. O seu carácter recio e pícaro lévaa a empregar a cachaporra de xeito diferente e máis sutil do que o seu homólogo masculino.

Con esta actuación, a cuarta edición do Festival Titiriberia despídese este ano tras ofrecerlle ao público
teense un total de 12 actuacións entre funcións escolares, representacións para o público xeral, animación de rúa e as representacións que se desenvolveron na Barraca de Titiriberia, que se instalou por terceiro ano consecutivo na histórica Feira de Francos, coincidindo coa festa do San Martiño, co obxectivo de recuperar este espazo para a exhibición do monicreque tradicional.