Titiriberia celebrará en Rianxo entre o 24 e o 31 de xullo a súa sétima edición

O programa recuperará o seu perfil internacional tras dous anos de pandemia con artistas procedentes de Italia e Portugal

Cartel do Titiriberia 2022
As titiriteiras lusas de Teatro e Marionetas de Mandrágora e a artista transalpina Irene Vecchia formarán parte dunha programación que volverá apostar pola creación de públicos, os espectáculos de rúa e a descentralización polas parroquias do municipio


Rianxo, 4 de xullo de 2022.-
O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de Títeres tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), celebrará entre os días 24 e 31 de xullo a súa sétima edición. Neste 2022, despois de dous anos de pandemia e de restricións por mor da situación sanitaria, Titiriberia recuperará a súa condición de festival internacional ao contar na súa programación con artistas procedentes de países como Portugal e Italia. Deste xeito, o cartel incluirá a compañía lusa Teatro e Marionetas de Mandrágora e a Irene Vecchia, titiriteira do país transalpino. Os seus espectáculos traerán até Rianxo dúas das tradicións europeas máis lonxevas dentro da escena das marionetas de cachaporra: o Dom Roberto portugués e o Pulcinella italiano.

Titiriberia prepara para a que será a súa terceira edición en Rianxo un completo programa ideado para todos os públicos, con funcións destinadas á cativada e espectáculos para os espectadores adultos. Ademais, a edición deste 2022 terá dous grandes obxectivos: a creación de públicos prestando unha especial atención á audiencia xuvenil e mais afondar na decidida aposta pola descentralización da actividade. Así, Titiriberia converterá o municipio rianxeiro nun gran escenario ao levar espectáculos ás parroquias de Taragoña, Leiro, Asados, O Araño ou Isorna. E coa meta de achegarlle ao conxunto da veciñanza o teatro de títeres, o Titiriberia volve presentarse nesta sétima edición como un festival de espectáculos de rúa, cunha programación eminentemente gratuíta e con gran parte das súas funcións representándose en espazos da vía pública.

Visión feminina

A presenza italiana na sétima edición de Titiriberia chegará da man dunha artista que, ao longo da súa traxectoria, procura a renovación da tradición da cachaporra dende a perspectiva de xénero. Irene Vecchia ofrecerá así o seu espectáculo A Lúa e Pulcinella, peza que retrata como despois dun novo abuso, todas as mulleres da Terra acaban por se trasladar á Lúa. Para non perder a súa amada Teresita, Pulcinella intenta chegar onda ela e decátase así do que significa compartir a perigosa situación na que viven demasiadas mulleres.

A investigadora mexicana Elvia Mante, pola súa banda, explicará nunha videoconferencia os resultados da pescuda que está a desenvolver sobre o traballo feminino no mundo do títere a nivel internacional. Esta análise pioneira, na que colabora a Asociación Morreu o Demo, revélase como unha importante ferramenta para a toma da consciencia do papel feminino nun ámbito artístico que historicamente estivo moi masculinizado.

Pola súa banda, a compañía portuguesa de Teatro e Marionetas de Mandrágora centrará a súa participación en Rianxo no Dom Roberto, o equivalente luso ao Barriga Verde galego. A formación, coa dirección artística de Clara Ribeiro e Filipa Mesquita e dirección plástica de enVide neFelibata, traerá dúas funcións diferentes. A primeira delas, O mais maior grande Dom Roberto, consiste nunha figura xigante e interactiva desta personaxe. Coa segunda das súas montaxes, Teatro de Robertos, o público terá un achegamento ás historias clásicas nas que Dom Roberto se enfronta aos seus adversarios habituais: o cura, o demo e a morte.

Curso con Irene Vecchia

Dentro do programa, que se dará a coñecer polo miúdo nos vindeiros días, está aberta xa a inscrición ao curso que impartirá Irene Veccia sobre técnicas tradicionais de manipulación de títeres. Centrado nos guaratelle napolitanos, esta formación práctica de 8 horas está aberta tanto a persoas sen experiencia no manexo de monicreques como a profesionais e afeccionados ao sector. As inscricións están abertas en info@barrigaverde.eu e pódese atopar máis información da actividade en https://titiriberia.com.

Os Cristovos

Co lema “Olladas sobre os cristovos”, o festival quere reivindicar este termo tradicional para nomear as marionetas e procurar a súa normalización para os títeres tradicionais. O termo de cristovos, amplamente empregado no noso país ao longo do século XX, ten paralelo no títere español Don Cristóbal, parente directo do noso Barriga Verde e parte da tradición europea que reúne personaxes coma Pulcinella, Punch ou Guignol entre outros. Deste xeito, Titiriberia defínese como un espazo único no que coñecer e revisar todas estas tradicións desde a perspectiva galega.

Ademais poderías gostar de...