Sabemos o que fixemos no último ano

calendario_2016Remata un novo ano (e só van 3!!) de traballo na Asociación Cultural Morreu o Demo. Despois do intensísimo traballo que supuxo a xira o pasado ano da exposición Barriga Verde. De feira en feira, e a edición do catálogo, a verdade é que comezamos 2016 con poucos folgos. Pero vaia se recuperamos!

  • Non cabe dúbida que o ano arrincou co que é un paso de xigante para coñecermos mellor a historia do noso títere tradicional predilecto. A lectura e publicación da tese da nosa compañeira Comba Campoi “O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960)” supón un novo fito no coñecemento arredor deste personaxe e introduce de xeito pioneiro o estudo sobre os títeres na investigación universitaria do país.
  • Non houbo moito tempo para a celebración. Non pasara nin un día e producíase a detención en Madrid de Títeres desde Abajo. Desde a Asociación desenvolvemos un intenso traballo de denuncia deste surrealista episodio, e elaboramos un comunicado que foi lido polo noso compañeiro Borja Ínsua na mobilización que se realizou en Compostela a pedir a liberación dos titiriteiros.
  • En abril, outra boa nova para o escaso patrimonio que se conserva do títere tradicional. A familia Silvent de Lérez acordaba deixar en depósito no Museo Galego da Marioneta de Lalín as pezas orixinais da barraca de José, conservadas grazas ao seu fillo Alfonso Silvent e que se puideran ver na exposición De feira en feira. Deste xeito, o museo incorporou esa imprescindible sala monográfica sobre Barriga Verde.
  • Esta nova mostra de xenerosidade foi, por desgraza, das últimas que nos deixou Alfonso Silvent. O falecemento do que foi o noso primeiro socio de honra,colaborador imprescindible e entusiasta do labor da asociación, marcou de xeito inevitable o 2016 para todos nós.
  • A Alfonso tivémolo moi presente tamén no noso posto no Culturgal, un evento ao que achegamos un novo calendario e presentamos o catálogo de De feira en feira, que aínda non se puidera ver neste encontro.
  •  Tamén no evento demos a coñecer outro dos nosos proxectos. O conto ilustrado Barriga Verde. Unha odisea na feira. Un traballo de Germám Ermida e Heitor Real que quere achegar o personaxe e mais o mundo das feiras ás novas xeracións. Alén do libro en si, o proxecto conta tamén con extras que se poderán seguir nesta mesma web.
  • O Día das Letras dedicado a Manuel María facilitou unha invasión de novos barrigas verdes a escenarios e eventos. O texto que este poeta lle dedicou ao noso boneco preferido foi levado ás táboas en adaptacións de Títeres Cascanueces e como un contacontos de Fran Rei. Aínda que nós non tivemos nada que ver nestas montaxes, aledámonos enormemente da difusión que con eles conseguiu o personaxe, e estamos encantados de que novos artistas se animen a achegarse a este patrimonio escénico.
  • Onde si que estivemos implicados foi na adaptación que realizou Viravolta do texto de Manuel María. Un fermoso conto con títeres de mesa que se estreou o pasado mes de setembro.
  • Por suposto, o prato forte para nós foi o I Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos. O festival sobre títeres tradicionais, pioneiro no Estado, supuxo un intenso traballo e foi unha experiencia estupenda que agadamos poder repetir en vindeiras edicións co Concello de Teo e o apoio da Deputación da Coruña.
  • A maiores deste grande encontro, levamos a nosa exposición Onde foi Barriga Verde? a Celanova, Vilar de Santos e, por suposto, a Teo.
  • Ademais, proxectamos o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta en Arteixo, O Porriño e, de novo, Teo.
  • Houbo representacións de Barriga Verde, xa a cargo de Alakrán ou xa de Viravolta Títeres, en Lalín, Santiago de Compostela  (varias), Pontevedra e Cangas e a Barraca de Viravolta visitou Vilatuxe. Tamén foi Viravolta a responsable de levar a Barriga Verde ao festival de títeres de Oropesa del Mar e Marina D’Or, a dar a coñecer a tradición galega fóra das nosas fronteiras.
  • En canto a charlas sobre o noso proxecto, pasamos por Bóveda, Vilar de Santos, Lugo e A coruña, e peparamos para a Cidade da Cultura o obradoiro Textos para títeres na literatura galega, no que se facía un repaso pola relación de diferentes autores co mundo dos monicreques.
  • O noso personaxe predilecto conseguiu tamén este verán unha particular presenza na TVG co programa Feirantes e a súa sección de humor chamada, precisamente Barriga Verde. Alá foi o noso compañeiro Anxo García para falar da tradición galega de títeres e dos Silvent.
  • E, aínda que non se viu moito por fóra, este ano fixemos moita investigación. Estamos a procesar entrevistas, gravacións de audio e de vídeo e un lote de material co que agardamos botar nova luz sobre o traballo dos Silvent e doutros titiriteiros e feirantes do país.

Non foi pouco, e a verdade é que 2017 comeza cheo de proxectos e de cousas pendentes. E, sobre todo, un lote de ilusión. Agardemos neses doce meses levar o nome de Barriga Verde a novos fitos! Aí nos vemos!