O títere tradicional galego viaxa a Corea

A Asociación Morreu o Demo recollerá o recoñecemento que lle outorgou UNIMA no congreso desta entidade en Chuncheon

A entidade dará a coñecer o personaxe de Barriga Verde neste encontro internacional

  • A Asociación Cultural Morreu o Demo participará do Congreso que a Unión Internacional da Marioneta (UNIMA) celebra en Chuncheon, Corea do Sur, entre o 26 e o 30 de maio. A entidade galega recollerá neste encontro o Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro co que este organismo asociado á UNESCO recoñece o seu traballo a prol da recuperación do títere tradicional galego.

Dossier intenacional de presentación do traballo da AC Morreu o Demo (en inglés)

A sede do Museo do Pobo en Santiago de Compostela acollía na mañá deste 23 de maio a presentación da delegación galega no evento. Ao encontro internacional acudirán Comba Campoi, presidenta de Morreu o Demo, acompañada de Larraitz Urruzola, unha das profesionais dos títeres que aposta por esta forma escénica. As dúas representantes galegas darán a coñecer no principal encontro mundial dedicado aos títeres a tradición galega neste campo, que ten no personaxe de Barriga Verde o seu principal representante.

Na rolda de presentación, Comba Campoi detallou as actividades que a delegación galega desenvolverá no encontro e presentou o vídeo realizado expresamente para a ocasión no que se explica de xeito didáctico a actividade da Asociación e se introduce o patrimonio titiriteiro do país. Segundo destacou a presidenta de Morreu o Demo “a nosa presenza nesta cita sitúa por vez primeira o patrimonio titiriteiro galego en pé de igualdade con tradicións cun grande recoñecemento internacional, como son o Pulcinella napolitano, o Punch inglés ou o Guignol francés, todos eles parentes do noso Barriga Verde”. 

Canda a ela, participou na presentación Anxo García, membro de Morreu o Demo e de Viravolta Títeres e un dos principais investigadores das formas tradicionais desta forma escénica no país. García, que é un dos nomeados no recoñecemento de UNIMA, lembrou que “cando comezamos a investigar sobre Barriga Verde só quedaba a memoria oral do espectáculo e o material que a familia Silvent gardaba no seu domicilio”. Desde entón “desenvolvemos publicacións, exposicións, proxectos didácticos e diferentes compañías apostaron por recrear o espectáculo orixinal e mantéñeno en cartel”, aínda que advirte que “aínda queda moito traballo por facer na recuperación deste patrimonio”.

A participación galega no encontro de Corea permitirá intercambiar experiencias con outros proxectos internacionais de recuperación do patrimonio titiriteiro e dar a coñecer a historia desta tradición en Galicia, así como a actividade actual das compañías de monicreques galegas.

A viaxe realízase co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, que fai posible a presenza galega nesta cita de alcance internacional. O director da entidade, Jacobo Sutil, participou tamén no acto de presentación desta iniciativa. A Deputación de Pontevedra colabora tamén neste proxecto coa impresión dos dossiers en inglés que se distribuirán no encontro de Corea.

O galardón

UNIMA Internacional, ONG asociada á UNESCO que integra proxectos a nivel global arredor do títere, outorgou o seu Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro aos seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, proxecto galego que traballa pola recuperación do títere tradicional do país e, en particular, do coñecido personaxe Barriga Verde. A entidade fai parte así desta listaxe que recoñece un total de 37 propostas de todo o mundo.

O comité destacou do traballo de Morreu o Demo “a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer”. A asociación convértese así na primeira e, polo momento, única presenza galega nesta listaxe. Ao se entregar a persoas físicas, o recoñecemento recolle os nomes de Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García e Xaime Iglesias, persoas dedicadas á investigación e á divulgación do patrimonio titiriteiro galego que botaron a andar este proxecto en 2013.  A Asociación quere facer extensivo este recoñecemento ao medio cento de socias e socios que a conforman na actualidade e mais a todas as persoas que colaboran e apoian o proxecto.

Segundo indica UNIMA, este certificado “recoñece o traballo das persoas que ou ben teñen dedicado as súas vidas á protección, divulgación e/ou investigación do patrimonio das formas titiriteiras ou daqueles mozos que están traballando activamente protexendo, difundindo ou desenvolvendo o patrimonio titiriteiro e que amosan unha firme promesa de continuidade na investigación e expansión deste patrimonio”. A concesión do Certificado, sen dotación económica, implica tamén unha entrada na Enciclopedia Mundial da Marioneta (WEPA), base de datos que recolle as principais iniciativas arredor dos títeres a nivel internacional.

A Asociación Morreu o Demo

Morreu o Demo naceu en 2013 da man dun grupo de persoas dedicadas á arte dos títeres e á investigación deste patrimonio. Desde entón, desenvolveu publicacións como a do DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, a exposición Barriga Verde. De feira en feira, que acumulou máis de 15.000 visitas en diferentes localidades galegas e foráneas, ou o proxecto didáctico Da Barraca á Aula, que achega o títere tradicional a centros de ensino de todo o país desde 2019.

Ademais, desenvolve desde o ano 2016 o festival Titiriberia, único da Península centrado no títere tradicional, radicado actualmente en Rianxo. No marco deste promoveu a creación de espectáculos de títeres tradicionais da man de diversas compañías galegas, a apoiar a recuperación de diferentes versións de Barriga Verde actualmente en activo. Canda a accións formativas para profesionais do sector, no marco da Escola de Títeres Barriga Verde, a Asociación programa tamén a presenza da recreación da Barraca de Barriga Verde vencellada a diferentes feiras e festas populares, como a Feira Cabalar de Francos, en Teo, ou as Festas da Ascensión en Santiago de Compostela. Ademais desenvolve diferentes iniciativas de recuperación da memoria sobre o títere tradicional e as feiras populares.

Barriga Verde foi o títere máis popular da Galiza no século XX. Da man da familia Silvent percorreu feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella. A colaboración da familia Silvent, que custodia aínda as pezas orixinais do espectáculo, resultou imprescindible para desenvolver o traballo de recuperación da Asociación Morreu o Demo.

Patrocina: Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia