O títere galego realiza contactos de primeiro nivel no 24 congreso de UNIMA

A Asociación Morreu o Demo recolleu en Corea do Sur o Premio do Patrimonio que lle outorgou a entidade internacional

A viaxe realizouse co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais

Momento da entrega do galardón. Fonte: UNIMA

Compostela. 9 de xuño

A Asociación Cultural Morreu o Demo vén de participar no Congreso que a Unión Internacional da Marioneta (UNIMA) celebrou en Chuncheon, Corea do Sur, entre o 26 e o 30 de maio. A entidade galega recolleu neste encontro o Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro co que este organismo asociado á UNESCO recoñece o seu traballo a prol da recuperación do títere tradicional galego.

A delegación galega no 24 congreso de UNIMA, celebrado  en Chuncheon (Corea do Sur) entre o 26 e o 30 de maio, remata a súa estadía no encontro a conseguir unha importante proxección para o títere tradicional galego. A presentación do proxecto de recuperación do títere tradicional do noso país, e en particular do personaxe de Barriga Verde, obtivo múltiples eloxios de representantes de diferentes países. Segundo explica Comba Campoi, presidenta da AC Morreu o Demo “achegáronse moitisimas para parabenizarnos pola presentación que fixemos na recollida dos recoñecementos ao traballo polo patrimonio titiriteiro. Contactmos con membros de Canadá, India, Australia, Estados Unidos, California ou Turquia, e recibimos tamén felicitacións por parte de membros da propia directiva de UNIMA”.

A proxección internacional do títere galego no encontro deu tamén no reparto de múltiples dossieres en inglés que explican a historia de Barriga Verde e resumen o traballo da AC Morreu o Demo. Este material imprimiuse co apoio da Deputación de Pontevedra. Ademais, tamén se distribuíron diferentes exemplares do DVD do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta. Neste filme dirixido por Pedro Solla e publicado por Morreu o Demo e Urco Editora, amósase a situación do patrimonio titiriteiro galego e a súa relación coa tradición europea dos títeres de cachaporra. Diferentes festivais de títeres internacionais amosaron o seu interese por proxectar esta produción nas súas vindeiras edicións, como por exemplo o festival PuppetOscope, especializado en filmes sobre monicreques, de Nova Delhi (India). 

O encontro permitiu tamén realizar encontros directos coa directiva de UNIMA, a incluír o representante español neste organismo internacional,  Rolle Pierrev, o cubano Erduyn Maza ou Omar Javier Alvarez da Arxentina, así como a presidenta saínte da entidade, Karen Smith. 

As iniciativas de recuperación do títere tradicional galego espertaron o interese de propostas similares noutros países, como a que desenvolve Gianluca di Matteo en Italia, que traballa con crianzas e persoas con diversidade funcional nunha liña similar ao proxecto Da Barraca á Aula da AC Morreu o Demo. Tamén se intercambiaron experiencias con outras propostas galardoadas polo seu traballo na recuperación do patrmionio titiriteiro, como é a proposta de Nova Zelandia para recuperar o títere maorí. Tamén se estableceu contacto con Mareike Gaubitz, responsable do centro de documentación das formas teatrais tradicionais alemás, para emprender un proceso para o recoñecemento internacional da tradición de títeres europeos, quen amosou o seu interese por vindeiras colaboracións nesta liña de traballo. 

Á cerimonia de entrega dos recoñecementos asistiron persoalmente  recoller o galardón, ademais das representantes da asociación cultural Morreu o Demo, Roberta Colombo, de Ravenna (Italia), Tsujimoto Kazuhide, Nakauchi Masako, Minami Kimiyo e Nishikawa Koryu V do Xapón; Daejin Eum, Ki-moon Nam e Jeong-Im Park de Corea do Sul; Alejandro Jara de México e James Webster da tradición de marionetas Maorís en Nova Zelanda. 

O galardón

Larraitz Urruzola e Comba Campoi a recoller o galardón. Fonte: UNIMA

UNIMA Internacional, ONG asociada á UNESCO que integra proxectos a nivel global arredor do títere, outorgou o seu Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro aos seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, proxecto galego que traballa pola recuperación do títere tradicional do país e, en particular, do coñecido personaxe Barriga Verde. A entidade fai parte así desta listaxe que recoñece un total de 37 propostas de todo o mundo.

O comité destacou do traballo de Morreu o Demo “a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer”. A asociación convértese así na primeira e, polo momento, única presenza galega nesta listaxe. Ao se entregar a persoas físicas, o recoñecemento recolle os nomes de Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García e Xaime Iglesias, persoas dedicadas á investigación e á divulgación do patrimonio titiriteiro galego que botaron a andar este proxecto en 2013.  A Asociación quere facer extensivo este recoñecemento ao medio cento de socias e socios que a conforman na actualidade e mais a todas as persoas que colaboran e apoian o proxecto.

Segundo indica UNIMA, este certificado “recoñece o traballo das persoas que ou ben teñen dedicado as súas vidas á protección, divulgación e/ou investigación do patrimonio das formas titiriteiras ou daqueles mozos que están traballando activamente protexendo, difundindo ou desenvolvendo o patrimonio titiriteiro e que amosan unha firme promesa de continuidade na investigación e expansión deste patrimonio”. A concesión do Certificado, sen dotación económica, implica tamén unha entrada na Enciclopedia Mundial da Marioneta (WEPA), base de datos que recolle as principais iniciativas arredor dos títeres a nivel internacional.

Fotografía das iniciativas galardoadas por UNIMA. Fonte: UNIMA