O que fixemos en 2025

O ano que acaba de rematar foi un período de intenso traballo para a AC Morreu o Demo. Para alén de ir ata Corea do Sur recoller o premio que nos outorgou UNIMA Internacional, e de continuar con proxectos como o festival Titiriberia e o proxecto didáctico Da Barraca á Aula, participamos en diferentes espazos a divulgar do títere tradicional galego. Neste 2025 destacou en particular o interese que vemos por incorporar espectáculos deste tipo por parte de concellos e diferentes institucións para todo tipo de programacións, o que celebramos. Alén de Corea, o ano foi tamén prolífico en representacións da tradición titiriteira galega en diferentes foros estatais. Como resumo, 2025 foi un ano de novos fitos no traballo a prol deste patrimonio inmaterial, que agardamos aínda se superen nos meses que veñen por diante.
- A visita a Corea para recoller o premio que nos outorgou UNIMA Internacional a recoñecer o noso traballo a prol do patrimonio titiriteiro supuxo unha importante proxección internacional para o títere tradicional galego. Para alén de dar a coñecer a Barriga Verde neste foro, tamén fixemos un lote de contactos para desenvolver proxectos no futuro. A visita foi posible grazas a patrocinio da Agadic, e contamos co apoio da Deputación de Pontevedra para elaborar os dossieres informativos que distribuímos no encontro. Ao abeiro desta viaxe, publicamos o vídeo no que presentamos o noso traballo nese encontro UNIMA en Corea do Sur.
- O Proxecto didáctico Da Barraca á Aula, que desenvolvemos co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, seguiu presente en centros de ensino e espazos culturais de todo o país. Deste xeito, desenvolvemos exposicións e actividades en espazos como a Escola de Artes Pablo Picasso, o CEIP Présaras, o CEIP Castelao, o Ana María Diéguez e o Brea Segade (Rianxo), a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, o CIFP Leixa de Ferrol, o Centro Social de Valdoviño, o CEIP Plurilingue Vicente Otero Valcárcel (Carral), o IES de Cacheiras, as asociacións Ambar e Aspamite de atención á diversidade funcional, o Ateneo Ferrolán ou o IES Xelmirez I (Santiago).
- A nova edición do Festival Titiriberia en Rianxo achegounos unha espectacular exposición da histórica compañías Os Monicreques de Kukas e outra co traballo de Títeres Alakrán. Novas producións de A festa dos títeres e As varietés do Barriga Verde (co seu correspondente vídeos), e coproducións con Seisdedos Marionetas Tradicionais e A Cova das Letras. Ademais, a mesa redonda sobre os cegos e o seu traballo cos títeres tradicionais (tamén con vídeo). Artistas de Valencia, Navarra, Euskadi, Aragón, Galicia e Portugal fixeron parte dun programa no que o actor e profesor Santi Prego correu co curso de formación da Escola de Títeres Barriga Verde.
- Un ano máis, levamos a Barraca de Barriga Verde á Feira de Francos, en Teo. A celebrar a declaración do evento como Festa de Interese Turístico Galego artellamos unha animación específica co Romanciño do San Martiño e números humorísticos ambientados na feira. A coincidir con esta actividade, lanzamos tres novos vídeos con testemuñas sobre Barriga Verde neste encontro.
- Publicamos na rede os textos do Romance do Dedo, Cantar do ano de Rianxo e o Romanciño do San Martiño, propostas coas que queremos contribuír a renovar e manter a tradición dos cegos cantores.
- Participamos no encontro do Consello da Cultura Galega sobre A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia (podes ver a intervención aquí)
- Neste 2025 Barriga Verde tivo unha boa proxección exterior. Larraitz Urruzola levou a súa Dona Barriga Verde ao Titeremurcia con tres funcións, en Euskadi, no festival Motus Imago de Abeiro ou no Festititeres de Alacante, onde tamén se puido ver a nosa exposición A arte dos Silvent. Ademais, participou no festival Antzeztaun, en Euskadi coas súas Historias de Títeres, onde tamén ten presente este personaxe. Máis preto de nós, o seu espectáculo estivo presente nas Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela) e mais en Cabana de Bergantiños.
- Tamén a Euskadi foi Títeres Alakrán, onde impartiu un curso a ensinar a técnicas de manipulación da nosa tradición titiriteira. Barriga Verde ataca de Novo puido verse no Porriño, Bueu, Fisterra, Redondela, Valdoviño na Feira de Artesanía do Incio, na Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei e participou ademais no encontro de títeres tradicionais ibéricos que se celebrou en Cuenca nas Feiras de San Julián. Esta mesma compañía levou o Xigante Barriga Verde, nado co apoio de Titiriberia, ás festas de Brión e mais á Festa da Troita de Sobrado dos Monxes.
- Da man de Trécola, Pituquito, a aposta da compañía polo títere tradicional de cachaporra, que tivo a súa estrea co apoio do festival Titiriberia, puido verse no San Froilán de Lugo, no encontro Burla Verde de Vilanova dos Infantes, en Monterroso, Orbazai (Lugo), o Parga Rock, o Festival de Títeres do Carballiño, o Teatro das Cortes do Vicedo, a Biblioteca de Caldas de Reis e o Entroido de Salcedo, na Pobra de Brollón. Os autómatas de Kinetiko, nados tamén co apoio do festival, visitaron a Festa do Galo Piñeiro do Pino e diferentes centros de ensino da Coruña.
- Viravolta Títeres levou o seu Barriga Verde á Foliada Eferro que se celebra en Merza e mais na Fundación Manuel Moldes, de Pontevedra, a realizar un diálogo cos traballos deste pintor. A compañía tamén estivo este ano presente nas Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña co seu Galo Quirico, obra na que reivindica o títere de cachaporra galego e que tamén se puido ver en Carballo.
Todas estas actuacións das diferentes versións de Barriga Verde foron acompañadas dun roller no que se explica en varias linguas a historia e contexto deste célebre personaxe.
A Asociación colaborou tamén na organización da homenaxe a Xosé Silvent e Emerenciana Fernández a recoñecer o seu labor polo galego, que incluíu a instalación dunha lápida na nosa lingua na tumba que comparten no cemiterio de Lérez.
Dentro das malas novas, rendemos homenaxe a Saladina Silvent no seu falecemento. Saladina fixo parte da troupe que levou Barriga Verde por todo o país da man do seu pai José Silvent.

RSS: Entradas